Pasar al contenido principal

A Cátedra Vida Saudable lanza unha campaña informativa nos comedores universitarios para mellorar a dieta do estudantado

Imaxe de arquivo dun comedor da USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dun comedor da USC. FOTO: Santi Alvite
A través de diversos formatos, a comunidade universitaria recibirá recomendacións dietéticas e de actividade física para contribuír ao cumprimento do Plan de Obesidade Zero
Santiago de Compostela

O sobrepeso e a obesidade teñen un forte compoñente social, de estilo de vida e de hábitos alimentarios e está directamente relacionado co ambiente obesoxénico. Este caracterízase pola influencia que teñen as condicións ambientais sobre as oportunidades e decisións que toma a poboación relacionadas cos hábitos de vida e que promoven o sobrepeso, tales como a adopción dunha alimentación inadecuada e condutas sedentarias. Coa intención de mellorar a dieta do estudantado universitario de acordo coas recomendacións dietéticas saudables e sostibles, a Cátedra de Vida Saudable da USC inicia este luns 19 unha campaña informativa na que, entre outras accións, distribuiranse en todos os comedores da USC manteis con recomendacións dietéticas e de actividade física.

Mantel que se distribúe nos comedores da USC
Mantel que se distribúe nos comedores da USC

O Convenio de Colaboración entre a USC e a  Consellería de Sanidade para a creación da Cátedra Institucional Vida Saudable establece entre os seus obxectivos “realizar cursos, seminarios, conferencias e cantas actividades académicas redunden na difusión, o coñecemento e a práctica dun estilo de vida saudable”. Tal e como explica o director da Cátedra e profesor da USC, Francisco Caamaño, “son múltiples as razóns que xustifican considerar os e as universitarias como un colectivo prioritario á hora de realizar accións preventivas con relación á dieta e á actividade física”.

No contexto universitario, a dieta do estudantado, continúa o profesor Caamaño, non sempre é respectuosa coas recomendacións dietéticas saudables e sostibles. Ademais este colectivo universitario presenta mellorable adherencia á actividade física, en ocasións motivada tamén pola incompatibilidade coa súa actividade lectiva, “o cal está limitando sen dúbida un estilo de vida saudable durante o curso académico”, matiza Caamaño. Por último, cabe sinalar a súa potencial incidencia futura sobre outros grupos poboacionais, xa que os e as universitarias serán “os nosos futuros mestres, médicos, políticos, psicólogos ou traballadores sociais”. A fin de contribuír a cumprir o Plan de Obesidade Zero, preténdese concienciar o estudantado da necesidade de mellorar a dieta, así como de incrementar a actividade física, aproximándoa ás recomendacións para a redución do sedentarismo.

Os novos manteis con recomendacións teñen “un formato desenfadado estilo 13, Rue del Percebe, recoñecible por todo o estudantado”, explica Caamaño. Ademais, a partir da primeira semana de marzo os comedores universitarios incorporarán cartelaría despregable portátil en gran formato que interpelará os comensais, invitándoos a mudar hábitos, abandonando a comida lixo e o sedentarismo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.02.2024.