Pasar al contenido principal

As Universidades de Santiago e Lyon ofertan un curso conxunto sobre xestión estratéxica de explotacións agrícolas

As Universidades de Santiago e Lyon ofertan un curso conxunto sobre xestión estratéxica de explotacións agrícolas
As Universidades de Santiago e Lyon ofertan un curso conxunto sobre xestión estratéxica de explotacións agrícolas
O prazo de preinscrición remata este venres 13

A xestión estratéxica de explotacións no eido agrícola e forestal é un campo en expansión nos últimos anos, e o papel e a formación de asesores adquire cada vez maior importancia. As explotacións agrícolas deben facer fronte a desafíos técnicos, sociais, económicos e ambientais para que a súa actividade produtiva sexa sostible e rendible nun contexto cada vez máis complexo e competitivo. Por esa razón, faise cada vez máis necesario acudir a especialistas en xestión estratéxica de empresas.

Para contribuír a unha mellora neste campo, o Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC e a escola VetAgro Sup da Universidade francesa de Lyon organizan o curso de perfeccionamento Xestión estratéxica de explotacións agrícolas para unha mellora global continua, que se vai desenvolver entre o 26 de xaneiro e o 10 de febreiro na Escola Politécnica Superior de Lugo coa colaboración do Campus Terra e da Caixa Rural Galega. A preinscrición está aberta ata este venres 13.

O obxectivo é subministrar aos asesores agrícolas as capacidades necesarias para iniciar e acompañar os agricultores na xestión estratéxica da explotación. A metodoloxía seguida será a da aprendizaxe baseada en proxectos, polo que se desenvolverá en base a obradoiros en aula e en explotacións agrarias.

O curso foi deseñado por Philippe Jeanneaux, profesor de economía rural de VetAgro Sup, co creador do método PerfEA para a xestión estratéxica de explotacións agrícolas e con importante experiencia na súa aplicación a todo tipo de explotacións dende 2009. PerfEA, unha metodoloxía ben adaptada ás particularidades das empresas agrarias, axuda a identificar as estratexias más axeitadas para a empresa a medio prazo, elaborar un plan e acción para poñelas e práctica e, finalmente, establecer un sistema para avaliar o seu resultado de xeito perceptible polo agricultor.

Jeanneaux impartirá o curso coa colaboración de profesores vinculados ao Departamento da USC, á Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia e á Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia.

Especialmente dirixido a técnicos relacionados coa xestión de explotacións no ámbito rural así como a estudantes universitarios de títulos de orientación agraria e forestal, no curso participarán 17 alumnos franceses de VetAgro Sup e outros tantos da USC, que poderán validar a súa realización por 3 ECTS.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.01.2017.