Xa se poden presentar obras ao concurso ‘CreArte na Universidade’
Á XIII edición do concurso ‘CreArte na Universidade’ poderá concorrer calquera persoa cunha obra de temática libre creada entre xaneiro de 2023 e marzo de 2024. As propostas achegadas a este certame deberán ter unhas dimensións comprendidas entre 50x50 centímetros e 120x120, e deberán presentarse enmarcadas cun listón cun ancho máximo de 3 centímetros ou sen enmarcar pero sobre un bastidor. O prazo de presentación finalizará ás 14.00 horas do 20 de marzo. As obras seleccionadas polo xurado formarán parte dunha exposición temporal que se instalará na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais durante os meses de abril e maio deste ano.
Esta é unha iniciativa da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais creada en 2011, que entronca coa aposta do centro a prol do fomento da arte galega, configurando unha colección de obras de arte posta a disposición dos membros da comunidade universitaria e o público xeral. A convocatoria dunha nova convocatoria de CreArte, coa colaboración da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, busca acrecentar o apoio á creación artística e ao coleccionismo prestando especial atención á arte como elemento fundamental para o crecemento persoal no seu máis amplo sentido.