Pasar al contenido principal

ADE, un laboratorio de integración sociolaboral a través das TIC

Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC
Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC
A Aula TIC-Pemes da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC bota a andar o proxecto ‘Troia Mentoring’, unha nova iniciativa de orientación social a través da que este polo de formación e asesoramento no ámbito das TIC da sede universitaria luguesa busca habilitar novas pasarelas cara ao emprego para persoas con discapacidade e síndrome de Down
Lugo

A Aula TIC-Pemes (ATP) da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC, un polo de formación e asesoramento creado hai xa máis de tres lustros co obxecto de reducir a fenda dixital na sociedade e no tecido empresarial galego,  bota a andar a finais deste mes o proxecto ‘Troia Mentoring’, unha nova iniciativa de orientación social a través da que se busca habilitar novas pasarelas cara ao emprego e a inclusión activa para colectivos en riscos de exclusión, tal e como son as persoas con discapacidade e síndrome de Down.

O programa Troia-Mentoring, que supón xa o duodécimo proxecto de orientación social impulsado desde 2008 pola ATP da USC, un modelo de formación e aprendizaxe autónoma a través do que o equipo do campus lugués coordinado polo catedrática Ángeles López Cabarcos achegou competencias profesionais e habilidades sociais e empresariais relacionadas coas tecnoloxías da información e da comunicación a un total de 212 persoas.

A inminente posta en marcha desta acción a prol da inclusión plena e da empregabilidade de persoas con discapacidade e síndrome de Down, revitaliza a dimensión social que desde sempre constituíu un dos sinais de identidade da ATP da USC. A diferencia das once iniciativas anteriores xa desenvolvidas, o proxecto ‘Troia-Mentoring, que tamén está aberto á colaboración e empresas e entidades solidarias a través do mecenado, ofrece ao alumnado beneficiario a dispoñibilidade de persoas de apio, voluntarios e voluntarias do Campus de Lugo seleccionados previamente a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, que acompañarán aos protagonistas de ‘Troia-Mentoring’ durante todo o proceso de formación e tamén nas súas estadías prácticas de inmersión laboral.

O novo proxecto da ATP da USC, a través do que, en certa medida, se dá continuidade a programas xa rematados, pretende capacitar en habilidades empresariais a persoas con discapacidade e síndrome de Down, a través dun período de 30 horas de formación, que serán impartidas por docentes da USC. Unha vez superado este proceso, as persoas beneficiarias poderán tamén completar unha estadía laboral de máis de 100 horas (algo máis dun mes) en empresas e entidades.

Obxectivos

Un dos principais obxectivos deste novo proxecto de marcado calado social promovido pola ATP da USC é que o mercado de traballo deixe de ser un espazo excluínte para as persoas con discapacidade, a fin de converterse nun ámbito onde este colectivo poida exercer o seu dereito a empregarse en calquera novo posto de traballo xerado, demostrando e difundindo a súa capacidade e competencia como persoas traballadoras, sinala a profesora López Cabarcos. “O noso propósito pasa por achegar as empresas a este tipo de alumnado para favorecer, na medida do posible, o seu acceso a postos de traballo de calidade”, salienta.

Alén desta orientación social, o cometido de formación desenvolvido pola ATP da USC desde a súa creación non é menor. De feito, o balance de actividades presentado tradúcese na organización de 41 cursos sobre temáticas orientadas á utilización das TIC no ámbito empresarial e nos que tomaron parte 542 persoas. O alumnado destas actividades gozou da posibilidade de ser protagonista activo en diversos procesos de aprendizaxe sobre redes sociais e posicionamento web, Facebook para pemes e autónomos, tendas virtuais con Prestashop ou programas e aplicacións informáticas como v-Tiger CRM ou Dolibarr ERP.

Respecto das accións ou tarefas de asesoramento e empresas e ou entidades, a Aula TIC-Pemes da USC conta tamén con ampla experiencia, como o proba o desenvolvemento de proxectos específicos con administracións públicas e outras accións de formativas con empresas e colectivos empresariais.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.02.2024.