Pasar al contenido principal

Educadoras referentes do pasado e do presente

Alumnado, na apertura da mostra 'Educación en feminino, un paseo pola historia', en Formación do Profesorado
Alumnado, na apertura da mostra 'Educación en feminino, un paseo pola historia', en Formación do Profesorado
Unha mostra elaborada por alumnado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar recupera para a actualidade en Formación do Profesorado a biografía, así como a pegada e o labor pedagóxico desenvolvido por de preto de medio centenar de mestras e profesoras de distintos lugares do mundo
Lugo

A mostra ‘Educación en feminino, un paseo pola historia’, elaborada por alumnado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar, recupera para a actualidade no vestíbulo da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo, a pegada vital e o labor pedagóxico desenvolvido ao longo da historia por preto de medio cento de mestras e profesoras de distintos lugares do mundo.

A decana da Facultade de Formación do Profesorado, Carmen Sarceda Gorgoso, e o profesor Francisco Xosé Candia Durán, na súa condición de coordinador desta obra colectiva, inauguraron este xoves a sétima edición dunha exposición que, estruturada en 36 paneis en galego, dá cabida a medio cento de educadoras referentes de diferentes épocas, xeografías e orientacións pedagóxicas ao longo da historia.

Coa mostra preténdese facer visible e poñer en valor o labor que todas as mulleres educadoras viñeron realizando ao longo do tempo, un esforzo individual e colectivo non sempre ben recoñecido, e mesmo ás veces silenciado, pero que malia todos os atrancos contribuíu a consolidar os alicerces da acción educacional, sinalou Candia Durán, ao tempo que aproveito a presenza do estudantado de primeiro curso dos graos de Mestre e Mestra en Educación Infantil e Primaria para salientar o seu bo traballo.

A exposición ‘Educación en feminino, un paseo pola historia’, que permanecerá accesible ao público no centro universitario lugués ata o vindeiro 6 de marzo e que, de ser o caso, podería trasladarse de balde a calquera entidade ou institución que a solicite, percorre a traxectoria vital e profesional destas e doutras educadoras na intención de deconstruír o androcentrismo sobre o que pivotou historicamente o coñecemento académico, facendo visibles figuras verdadeiramente relevantes que, malia os estereotipos e prexuízos de xénero que indefectiblemente tiveron que soportar, xa forman parte merecidamente da Historia da Educación.

Daquela, esta visión global tradúcese en pósters que teñen como protagonistas a galegas como María Barbeito, Elvira Bao, Antonia Ferrín, Antía Cal ou Camino Pereiro. Xunto a ellas, figura outras educadoras españolas como Gloria Giner, Justa Freire, Margot Moles, María Antònia Canals, Heike Freire ou Gey Lagar. Metras, profesoras e, en definitiva, educadoras europeas, tal e como son Aspasia de Mileto, Hipatia de Alexandría, Jeanne de Lestonnac, Rosa Agazzi, Nadezhda Krúpskaya ou Emma Goldman; latinoamericanas como Anália Franco ou Dolores Cacuango, e mesmo norteamericanas como Mary Bethune, Helen Parkhurst ou Christa McAuliffe, tamén figuran entre o elenco de protagonistas dunha exposición que dá cabida a referentes asiáticas como Savitribai Phule, Hanan Al-Hroub ou Pashtana Durrani, e mesmo outras orixinarias do continente africano, como o son Wangari Maathai ou Kakenya Ntaiya.

Alén de rescatar do esquecemento e recuperar para a actualidade o traballo feito por todas estas mulleres, ‘Educación en feminino, un paseo pola historia’ afonda e reflexiona sobre o feito de que a profesión educativa responde a un cometido tradicionalmente asignado ás mulleres. Deste xeito, fronte a unha realidade social e educativa aínda rexida por perfís masculinos, a exposición ofrece unha suxestiva panoplia de figuras da pedagoxía feminista e dá resposta á necesidade de educar desde unha perspectiva de xénero e pola igualdade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.02.2024.