Pasar al contenido principal

Innovación e transferencia de coñecemento desde as universidades, claves nas xornadas ‘Investir en Ciencia si é rendible: Impacto e retorno’

O reitor Antonio López e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presidiron a clausura das xornadas. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presidiron a clausura das xornadas. FOTO: Santi Alvite
A USC reuniu en Santiago representantes de diversos ecosistemas de investimento e tecnoloxía para compartir experiencias de éxito e analizar perspectivas de futuro

Máis de 50 relatores, representantes de nove universidades europeas e portavoces dos ecosistemas de ciencia, tecnoloxía e investimento de Madrid, Valencia, Murcia, País Vasco, Andalucía, Aragón, Cataluña e Galicia analizaron casos de éxito e novos proxectos de investimento en novas tecnoloxías e ciencias da vida para contribuír a un desenvolvemento sostible. Foi na segunda edición da xornada ‘Investir en Ciencia si é rendible: Impacto e retorno’, que se desenvolveu en Santiago de Compostela os días 21 e 22 de febreiro.

Impulsado pola USC e organizado por Unirisco e Bio&Tech Smart Capital de Noso Capital, o evento planificouse para animar ao investimento en transferencia do coñecemento e proxectos disruptivos e poñer en valor a súa relevancia para o desenvolvemento social e económico. Segundo o reitor da USC, Antonio López Diaz, “dende a Universidade de Santiago e co acompañamento de todo o sistema universitario galego, pero tamén coa imprescindible colaboración das empresas, e con UNIRISCO como punto de encontro levamos máis de 25 anos apostando pola transferencia de coñecemento como unha misión universitaria”.
 
“É un encontro de todo o ecosistema español de investimento e transferencia de coñecemento para compartir experiencias e coñecer casos de éxito, investimentos que crean ecosistemas e aquelas que contribúen a facer país, especialmente dende as Universidades”, sinalou Inmaculada Rodríguez, directora de Unirisco.

Pola súa banda, Tomás Pérez, CEO de Noso Capital, indicou que o encontro foi “unha oportunidade para coñecer o impacto das tecnoloxías disruptivas e a IA; os investimentos que responden a retos e que son capaces de crear un novo ecosistema de innovación e un espazo onde interactuar con fondos de investimento, xestoras, business angels, family offices e entidades financeiras”.

A segunda edición deste evento concluíu este xoves 22 de febreiro coa entrega dos primeiros premios ‘Investir en ciencia si é rendible’ que distinguen o esforzo de organizacións e empresas nas categorías de innovación, ecosistema e startup. Estes premios son unha homenaxe en memoria do legado profesional e persoal de Isaac Chocrón, impulsor do ecosistema de emprendemento e innovación español, cuxo lema era: “traballemos xuntos no impulso do ecosistema de innovación”.

Parte do público asistente ás xornadas. FOTO: Santi Alvite
Parte do público asistente ás xornadas. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.02.2024.