Elias J. Feijó Torres, reelixido decano de Filoloxía
Elias J. Feijó Torres foi reelixido decano da Facultade de Filoloxía por 106 votos a favor e oito en branco, logo dos comicios que se desenvolveron este martes 27. Deste xeito, o profesor Feijó continuará traballando na cohesión da facultade e da súa comunidade, “no sentido de pertenza e de adherencia ao centro e á USC”, tal e como explicou ao coñecer os resultados das eleccións. Propiciar e apoiar a innovación en todas as ordes ao alcance do traballo decanal —discente, docente, investigador, de transferencia e difusión do coñecemento— será un dos horizontes a perseguir por Elias Feijó, quen pretende continuar co traballo de apertura á sociedade, “dentro dunha clara vocación de servizo público, comezando polo contorna inmediata”.
Neste senso, o equipo decanal que xorde destes comicios e que se atopa integrado polas vicedecanas Rosalía Meitín, Laurence Malingret e Alejandra Ulla, así como polo secretario Eduardo Moscoso, continuará dando pulo ao programa cultural e de difusión do coñecemento desenvolvido na Facultade. A esta meta, súmanse tamén a política de infraestruturas, a renovación do cadro de persoal, o apoio á innovación docente e á difusión investigadora, mobilidade, fomento das prácticas externas, o apoio ás cátedras institucionais, así como ás políticas de igualdade e normalización lingüística como eixos transversais na vida do centro. Tal e como destacou o profesor Feijó, este novo mandato tamén servirá para o fomento da participación estudantil, así como para a conmemoración do medio século de historia da Facultade, aniversario que terá lugar en 2025.
Currículo
O catedrático Elias J. Feijó Torres dirixe o grupo de investigación GALABRA, nos sistemas culturais galego, luso, brasileiro e africano en lingua portuguesa; e coordina a Rede Galabra. Premio Extraordinario de Doutoramento en 1996, cunha tese sobre as relacións literarias e culturais de Galicia e Portugal, a traxectoria do profesor Feijó céntrase na docencia de literaturas e culturas de lingua portuguesa, sendo especialista en teoría e análise da cultura, relacións entre narrativas, comunidades e territorios e transferencia de coñecemento.
Foi vicerreitor da USC entre os anos 2006 e 2009; presidente da Associação Internacional de Lusitanistas (2008-2014) e, nese período, director da revista Veredas. Ten sido profesor visitante nas Universidades do Minho, Federal de Rio Grande do Sul, Nova de Lisboa, Oxford e Brown, así como investigador principal de nove proxectos competitivos e de diversos contratos de investigación, tamén dirixiu trece teses de doutoramento. Autor de múltiples monografías, impulsa igualmente movementos asociativos e de voluntariado. En 2020, foi elixido decano de Filoloxía.