Pasar al contenido principal

A USC gaña o Campionato Galego Universitario de Natación

O reitor Antonio López participou na entrega de premios do campionato ao estudantado participante. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López participou na entrega de premios do campionato ao estudantado participante. FOTO: Santi Alvite
Disputouse este xoves na Piscina Universitaria compostelá coa participación de 79 deportistas das tres universidades galegas

Case un cento de persoas entre deportistas e persoal técnico das universidades participaron este xoves no Campionato Galego Universitario de Natación 2024, que tivo lugar na Piscina Universitaria compostelá e que se saldou coa vitoria do equipo da USC, que obtivo nove medallas de ouro, sete de prata e oito de bronce, o que supoñen un total de 212 puntos.

Pola súa banda o equipo da Universidade da Coruña fíxose con sete medallas de ouro, oito de prata e nove de bronce, en total 195 puntos que lle valeron o segundo posto do campionato. Na terceira posición, con 158 puntos, clasificouse a Universidade de Vigo, cuxo equipo obtivo seis medallas de ouro, sete de prata e cinco de bronce.

Xunto co reitor Antonio López, na entrega de medallas participaron o deputado provincial para Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; Andrés Carrera, da xunta directiva de Federación Galega de Natación; e o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico. Tal e como destacou o reitor da USC Antonio López na presentación, o evento evidencia o compromiso da USC coa alianza entre Universidade e Deporte. “Esta é unha alianza imprescindible, moi necesaria, e que achega moitos valores dende múltiples puntos de vista para a sociedade”, explicou o reitor.

No Campionato tomaron parte 79 deportistas, dos cales 44 foron mulleres e 35 homes. O campionato incluíu dez probas da categoría absoluta feminina, outras dez da absoluta masculina e dúas probas de remudas mixtas. Na súa organización, as universidades galegas contaron coa colaboración da Federación Galega de Natación, da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago de Compostela e o Club Deportivo Natación Cidade de Santiago. Nesta edición, Santiago toma o relevo da UdC, anfitrioa en 2023.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.02.2024.