Pasar al contenido principal

A Universidade de Pernambuco afianza ligazóns coa USC para formar doutores e desenvolver I+D no ámbito agroforestal

De esquerda a dereita, Dafonte, De Souza Junior, Valcárcel, Farias de França e Zapata, na Vicerreitoría de Lugo
De esquerda a dereita, Dafonte, De Souza Junior, Valcárcel, Farias de França e Zapata, na Vicerreitoría de Lugo
A vicerreitora Montserrat Valcárcel recibe a dous profesores da institución brasileira, que presentaron na EPS de Enxeñaría un programa de mobilidade académica
Lugo, Santiago de Compostela

A Universidade Federal Rural de Pernambuco busca fortalecer as súas alianzas coa USC a través da sinatura dun convenio marco entre ambas institucións académicas que favoreza a mobilidade e o intercambio de docentes e investigadores, tal e como adiantou este mércores o profesor Valdomiro Severino de Souza Junior, na recepción institucional ofrecida na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo por parte da vicerreitora Montserrat Valcárcel, un acto no que tamén participaron Jesús Varela Zapata, adxunto á Vicerreitoría de Coordinación de Lugo para Internacionalización; Jorge Dafonte, profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo, e o tamén docente e investigador da universidade brasileira Ênio Farias de França e Silva.

A visita desta delegación da Universidade Federal Rural de Pernambuco á USC encádrase no marco liña de colaboración que manteñen desde hai xa tres lustros investigadores destas dúas universidades dun e doutro lado do Atlántico, segundo explicou Jorge Dafonte. Este profesor da USC salientou asemade que, nesta ocasión, os profesores brasileiros aproveitarán a súa estadía en Lugo para presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría o programa de mobilidade interuniversitaria Print/Capes, unha iniciativa que substitúe ao programa Ciencia sen Fronteiras e que está orientada a fomentar a promoción de intercambios de mobilidade, estancias de investigación e proxectos conxuntos entre entidades de educación superior brasileira e doutros países.

O programa Print/Capes, a través do que o Goberno de Brasil achega financiamento a algunhas universidades do país para que potencien estadías internacionais de formación predoutoral entre o seu profesorado ou alumnado xa titulado, é unha boa oportunidade para formalizar a través dun convenio marco coa USC as diversas liñas de colaboración no eido da I+D+i que manteñen desde hai anos estas dúas universidades, comentou De Souza Junior, quen tamén precisou que esta nova liña de axudas é unha oportunidade para que docentes da Universidade Federal Rural de Pernambuco poidan completar a súa formación de doutoramento na USC.

De Souza Junior tamén se referiu á afinidade temática que presenta o campus de Lugo da USC coa Universidade Federal Rural de Pernambuco, na que, segundo comentou, tamén existen escolas e facultades relevantes nos eidos agronómicos e forestal, así como respecto do estudo dos solos. Esta coincidencia na orientación das titulacións propicia que boa parte das liñas de colaboración abertas entre a USC e a Universidade de Pernambuco estean canalizadas a través de profesorado e investigadores da Facultade de Bioloxía, en Santiago, e sobre todo, da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, dixo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.12.2019.