Pasar al contenido principal

A USC homenaxea coa presentación dun libro a Francisco Javier Elola, primeiro fiscal xeral da República

Lourenzo Fernández Prieto, esquerda; Álvaro García Ortiz, o reitor Antonio López Díaz e a decana de Dereito Ana María Gude Fernández. FOTO: Santi Alvite
Lourenzo Fernández Prieto, esquerda; Álvaro García Ortiz, o reitor Antonio López Díaz e a decana de Dereito Ana María Gude Fernández. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López presidiu na Facultade de Dereito o evento, no que se puxo de relevo a importancia da figura do xurista, ocultada durante o franquismo

Francisco Javier Elola e Díaz Varela (Monforte de Lemos, 22 de setembro de 1877-Barcelona, 12 de maio de 1939), quen se licenciara en Dereito na USC, foi maxistrado, fiscal e xurista, converténdose nun dos impulsores do Estatuto de Galicia, e chegando a ser presidente dunha sala do Tribunal Supremo en 1931. Elola é lembrado sobre todo por ser o primeiro fiscal xeral da República en 1931 e instrutor da causa contra o golpe de estado de 1936; precisamente esta última foi unha das razóns polas que foi fusilado tras o final da Guerra Civil logo dun proceso sumarísimo, en Barcelona.

A súa figura foi homenaxeada este venres na Facultade de Dereito compostelá coa presentación do libro En memoria de Francisco Javier Elola. Presidido polo reitor Antonio López, no acto de presentación participaron o catedrático Lourenzo Fernández Prieto; a decana da Facultade de Dereito da USC, Ana María Gude Fernández, e o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz.

O catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto interveu en representación dos autores da obra. Segundo explicou, a de Francisco Javier Elola foi “unha figura ocultada, xa que foi fusilado polos rebeldes a pesar de que no proceso sumarísimo todo o mundo declarou no seu favor, mesmo José Castán, que sería no futuro presidente do Tribunal Supremo”. Fernández Prieto salienta o feito de que Elola era “un xurista recoñecido internacionalmente” e que no final da guerra non pasou a fronteira con Francia, quizais polo sentimento de derrota que revelan as súas cartas, e foi fusilado a pesar de que os sublevados prometeran que non castigarían con esa pena “as persoas que non tiveran delitos de sangue” durante a guerra.

O volume lembra así a figura dun xurista adiantado ao seu tempo que se esforzou en apoiar a modernización dun Poder Xudicial sometido plenamente ao Dereito, dentro dun Estado de Dereito que respectara as garantías propias do mesmo, ata nos momentos más difíciles. O prólogo da obra foi escrito por César Estirado de Cabo, mentres María Torres Celada seguiu a historia do maxistrado a través da prensa; Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho -tamén profesor da USC- dedican o seu capítulo á Xustiza ordinario e o golpe de estado de 1936. Ramón Sáez Valcárcel escribiu sobre Elola e a Xustiza Constitucional na República, e José Ricardo Prada abordou o rol do maxistrado na construción do Poder Xudicial na República.

 

Asistentes á presentación do libro. FOTO: Santi Alvite
Asistentes á presentación do libro. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.03.2024.