Pasar al contenido principal

SOSfood optimizará a sustentabilidade do sistema alimentario tomando como base a importancia dos datos e o uso da IA

O CiTIUS acolleu a xuntanza de lanzamento do proxecto. FOTO: Santi Alvite
O CiTIUS acolleu a xuntanza de lanzamento do proxecto. FOTO: Santi Alvite
O proxecto no que participan USC e UVigo acometerá a crise do sector agroalimentario co apoio do Programa Marco ‘Horizonte Europa’ da Comisión Europea
Santiago de Compostela

SOSFood utilizará o potencial das tecnoloxías de explotación de datos e a Intelixencia artificial (IA) para proporcionar unha imaxe precisa e global do sistema alimentario europeo, promovendo así o desenvolvemento de ferramentas preditivas. Este consorcio no que participan 17 entidades de toda Europa, entre as que se atopa a USC a través do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), recoñece “a necesidade urxente” de intervir no sistema alimentario para facelo máis produtivo, inclusivo, sostible e resiliente, dada a actual situación de emerxencia ambiental. Baixo a coordinación da UVigo, esta iniciativa que desenvolveu este venres 1, en Compostela, a súa xuntanza de lanzamento, conta co apoio do Programa Marco ‘Horizonte Europa’ da Comisión Europea.

Segundo estimacións da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), en 2050 podería ser necesario “producir un 60% máis de alimentos” para fornecer unha poboación mundial de 9.300 millóns de persoas. Así o explicaba no ano 2012, José Graziano Da Silva, director da FAO entre 2011 e 2019. “Facelo cunha agricultura como a de sempre suporía unha carga demasiado pesada para os nosos recursos naturais. Así pois, non temos máis remedio que embarcarnos nunha revolución máis ecolóxica”, afirmaba, “debemos traballar para alimentar o mundo con menos”.

Estas verbas volven agora á primeira liña do debate público coas manifestacións de agricultores en toda Europa nas últimas semanas. As protestas, que chegaron a pedir a derogación da Axenda 2030, evidencian ante a opinión pública a complexidade deste fenómeno que reflicte, así mesmo, as preocupacións e desafíos ás que se enfronta o sector agrícola. Neste contexto social, arrincaba este venres un novo proxecto de investigación a nivel europeo que porá en común as capacidades de distintos actores do sector para contribuír á sustentabilidade do sistema alimentario (agricultura, pesca e gandería) no marco do Espazo Común.

O proxecto xorde da colaboración entre a USC, o hub de innovación dixital Datalife e a Universidade de Vigo a través do grupo de Investigacións Agro-ambientais e Alimentarias. O investigador principal do proxecto, Jesús Simal Gándara, adscrito ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), — centro no que participan as tres universidades públicas galegas—, e catedrático da UVigo, salienta a relevancia de SOSfood no contexto actual. “As manifestacións de agricultores en contra da Axenda 2030 destacan a importancia de involucrar a todas as partes interesadas, incluídos os propios agricultores, na elaboración e implementación de políticas relacionadas coa agricultura e o medio ambiente”, afirma. Por iso, engade o responsable da proposta, “é crucial atopar un equilibrio entre a necesidade de protexer o medio ambiente e promover prácticas agrícolas sostibles, á vez que se brinda apoio e se asegura a rendibilidade da actividade agrícola, gandeira e pesqueira”.

Partindo desta premisa, SOSFood constitúe unha iniciativa ambiciosa que busca utilizar a intelixencia artificial e a explotación de datos para proporcionar unha visión integral do sistema alimentario do continente. O tratamento dos datos e o procesado da información con técnicas de IA será responsabilidade do equipo do CiTIUS, que achegará ao proxecto a súa dilatada experiencia no campo, baixo a dirección do investigador Paulo Félix Lamas. O obxectivo último é axudar a que as distintas partes implicadas na cadea alimentaria poidan tomar decisións ben informadas, poñendo o foco en involucrar todos os elos da cadea de valor: produción, transformación, distribución, venda, consumo e xestión de residuos.

Decisións informadas

A nova proposta constitúe un esforzo sen precedentes na UE á hora de abordar a crecente emerxencia ambiental e transformar a cadea de valor alimentaria en Europa, sendo valorada pola Comisión como o mellor proxecto de todos os presentados. Os responsables das institucións integrantes no consorcio reuníronse este venres nas instalacións do CiTIUS na xuntanza de arranque deste proxecto que utilizará a tecnoloxía de IA e a explotación de datos para promover a toma de decisións mellor informadas, fundamentadas en nova evidencia científica; decisións que, en última instancia, transformen a cadea alimentaria e poidan encamiñala cara á sustentabilidade e a eficiencia. Trátase de dotar de información relevante a todos os actores implicados, incluídos os consumidores, para facilitarlles a toma de decisión sobre os produtos alimentarios do mercado. O proxecto realizará unha análise interdisciplinaria do sistema de alimentación, involucrando a especialistas da contorna europea en saúde, nutrición, economía, medioambiente e saúde. Os resultados do proxecto van dirixidos a todos os actores da cadea de valor, e de maneira importante, ao consumidor final, xunto cun conxunto de recomendacións baseadas na evidencia científica, que están dirixidas a orientar as futuras políticas da Unión Europea.

Ademais das dúas universidades galegas implicadas, o consorcio conta coa participación doutros 15 socios, entre os que figuran outras universidades e hubs de innovación dixital, empresas, organizacións non gobernamentais e organismos gobernamentais de toda Europa. SOSfood eríxese nun proxecto pioneiro que busca reunir diversos actores para tomar decisións informadas que impulsen a produtividade, inclusividade, sustentabilidade e resiliencia na cadea alimentaria europea.

SOSFood levará a cabo tres estudos de casos de uso en tres escenarios europeos distintos: Galicia (representando un ámbito autonómico); Atenas (un ámbito metropolitano); e Lituania (un ámbito estatal), co obxectivo de validar a viabilidade e representatividade dos métodos de análises e os algoritmos desenvolvidos. Este será o colofón a unha iniciativa que se presenta como un fito significativo na procura de solucións saudables (e a prezos xustos) para os desafíos alimentarios globais, promovendo a colaboración entre diversos sectores e utilizando a tecnoloxía para abordar a complexidade do sistema alimentario europeo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.03.2024.