Construíndo xuntas a economía social: innovación feminina no cooperativismo
Co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais presenta a mostra bibliográfica Construíndo xuntas a economía social: innovación feminina no cooperativismo, co obxecto de visibilizar a presenza feminina neste eido. A través de diversos recursos de información dispoñibles no catálogo da BUSC, achégase a documentación necesaria que permite coñecer o estado da cuestión.
Unha pequena representación desta documentación amósase na entrada da biblioteca entre os días 4 e 15 de marzo, complementada coa mostra virtual á que pode acceder calquera persoa interesada.
Que é a Economía Social?
O concepto moderno de Economía Social xorde a finais do século XVIII como froito das primeiras experiencias cooperativas, asociativas e mutualistas que aparecen en diferentes países europeos (Inglaterra, Francia, Italia e España).
Como se indica na guía creada pola biblioteca, a configuración actual da economía social en España vén marcada pola aprobación da Lei 5/2011, de 29 de marzo, de Economía Social, que engloba dentro desta un conxunto empresarial e diverso que abrangue, entre outras, as seguintes entidades: cooperativas, sociedades laborais, mutualidades...
O cooperativismo é un modelo empresarial baseado na igualdade, a propiedade colectiva, a xestión democrática das
decisións, a solidariedade e a participación activa de todas as persoas membros. Por estas características, as empresas cooperativas son máis proclives á creación de contornas de maior equidade e igualdade entre as persoas.
- Accede á mostra virtual picando aquí