Pasar al contenido principal

'Troia-Mentoring', un pulo a prol da integración sociolaboral

Ángels Cabarcos, Francisco Fraga, Sarai Lodeiro e Roberto Bande, xunto cun voluntario e unha beneficiaria do programa
Ángels Cabarcos, Francisco Fraga, Sarai Lodeiro e Roberto Bande, xunto cun voluntario e unha beneficiaria do programa
O programa de capacitación en habilidades empresariais para persoas con síndrome de Down impulsado desde a Aula TIC-Pemes da USC bota a andar na Facultade de ADE con 8 persoas con discapacidade intelectual que, acompañados de voluntariado da USC, completarán estadías profesionais durante dous meses en empresas de Lugo tras recibir 30 horas de formación específica
Lugo

A USC,  a través da súa Aula TIC-Pemes, impulsa a formación en habilidades empresariais de persoas con discapacidade e síndrome en Down ao abeiro do programa Troia-mentoring, unha nova iniciativa de capacitación e inclusión social promovida pola catedrática da área de Organización de Empresas Ángeles López Cabarcos xunto coa Asociación Down Lugo, que bota a andar este martes na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra con 8 participantes, que, acompañados de voluntariado seleccionado polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, cursará 30 horas de formación práctica específica para logo completar estadías prácticas profesionais en empresas e institucións durante os meses de maio e xuño.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; o decano da Facultade de ADE, Roberto Bande, a encargada da Oficina de Voluntariado da USC na sede luguesa, Fátima Teixeiro, e Sarai Lodeiro, da Asociación Down Lugo deron a benvida ás persoas beneficiarias do programa Troia-mentoring nun emotivo acto celebrado na Facultade de ADE.

A posta en marcha de Troia-mentoring, unha iniciativa que dá continuidade a outros programas de éxito xa desenvolvidos neste eido pola a Aula TIC-Pemes da USC, tal e como o foron Edison e Troia, é unha realidade grazas á solidariedade amosada polas empresas e entidades colaboradoras, subliñou López Cabarcos, que tamén puxo en valor o labor desinteresado que desenvolve o estudantado universitario implicado en accións de voluntariado e que acompañará ás persoas beneficiarias de Troia-mentoring no seu proceso formativo e tamén no seu posterior desempeño no ámbito profesional. A prioridade de Troia-mentoring pasa por abrir portas a unha inserción laboral de calidade para as persoas con discapacidade intelectual, salientou a directora da Aula TIC-Pemes.

Un dos principais obxectivos que persegue o proxecto Troia-mentoring é que o mercado de traballo deixe de ser un espazo excluínte para as persoas con discapacidade, a fin de converterse nun ámbito onde este colectivo poida exercer o seu dereito a empregarse en calquera novo posto de traballo xerado, demostrando e difundindo a súa capacidade e competencia como persoas traballadoras, sinala a profesora López Cabarcos, que tamén ve esta iniciativa unha oportunidade para que estas persoas vivan unha experiencia universitaria.
A principal artífice desta iniciativa de marcado carácter social reiterou o seu agradecemento ás empresas Torre de Núñez, El Progreso, Candelas, Plásticos Arias, Vrio Pack, Rey, AmsLab e Arenal  que, a xeito de apadriñamento, financian a formación das persoas beneficiarias. Alén desta gratitude, López Cabarcos lembrou que a posibilidade de facer achegas a este programa segue aberta a través da canle de crawdfundig habilitada.

Ilusionada coa posta en marcha desta nova edición de Troia-mentoring, a coordinadora de emprego da Asociación Down Lugo, Sarai Lodeiro, abundou no acerto dunha iniciativa que esperta ilusión entre as persoas participantes, ao tempo que lles outorga a posibilidade de demostrar as súa capacidades e mesmo de exercer o seu dereito a traballar. Neste senso, Lodeiro, lembrou que tres das persoas implicadas na última edición do proxecto Troia seguen vinculadas coas empresas nas que desenvolveron as súas prácticas a través de contratos laborais.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.03.2024.