A Comisión de Seguimento do protocolo entre a USC e o Concello de Santiago cumpre coa axenda marcada e define áreas de traballo específicas na súa primeira reunión
A Comisión de Seguimento do protocolo entre a USC e o Concello de Santiago reuniuse este martes co obxectivo de avanzar na axenda de traballo conxunto establecida o pasado 14 de febreiro, data da súa constitución formal. Por parte da USC, participaron nesta primeira xuntanza Javier Ferreira, xerente; Pilar Martínez, vicexerenta; Xosé Antonio Rubal, director da Área de Infraestruturas; e Marta Otero, directora da Área de Xestión Académica. Representando ao Concello asistiron á reunión Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica; Xosé Antón Freire, coordinador Xeral; e Ana Prieto, directora da Área de Urbanismo e Infraestruturas.
Primeiros acordos da Comisión de Seguimento
Nesta primeira xuntanza producíronse acordos en materia de residencias universitarias e relación entre institución e administración local no ámbito da realización de prácticas académicas e extraacadémicas.
Así, por unha banda, dende a USC trasladouse a posibilidade de subscribir acordos con entidades interesadas en promover residencias universitarias na cidade en coordinación co Concello. As condicións destes acordos, que teñen como obxectivo a prestación dun servizo adecuado ás necesidades da comunidade universitaria e o cumprimento das normativas locais, son: contar con 50 prazas de aloxamento (25 para inmobles situados na zona histórica, afectados polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica) en cuartos individuais ou dobres, sen segregación por xénero, durante o curso académico; contar con servizos básicos (instalacións comúns como cociñas, salas de usos múltiples e de estudo, lavandaría, servizo de internet, etc.) nas súas instalacións; contar cun órgano de representación das persoas residentes; programar actividades que contribúan á formación integral das persoas residentes; así como prestar o servizo en congruencia co previsto na normativa universitaria reguladora do Servizo Universitario de Residencias.
Por outra banda, ambas as dúas partes acordaron traballar na redacción dun convenio de prácticas único que axilice e mellore a xestión das prácticas que en torno a 150 estudantes universitarios solicitan realizalas nas diferentes áreas do Concello.
Constitución de grupos de traballo específicos
A Comisión de Seguimento tamén definiu os primeiros eixes temáticos que contarán con grupos de traballo específicos. Estes grupos, que se constituirán ao longo das próximas semanas, son:
• Grupo sobre xestión administrativa e a transferencia do coñecemento, que traballará na optimización da relación entre institución e administración que é diversa en canto a materias
• Grupo sobre o Plan Especial do Campus, que atenderá o desenvolvemento desta planificación en particular.
• Grupo sobre a formalización efectiva da delimitación patrimonial e viaria do Campus, que resolverá de xeito definitivo todos os aspectos nesta materia.
• Grupo sobre obras e infraestruturas, que se fixará naquelas necesidades nesta área que, de xeito común, institución e administración deban afrontar no Campus.
A Comisión de Seguimento dá cumprimento, deste xeito, á axenda de traballo establecida na súa constitución, no pasado mes de febreiro, e revisará os avances destes acordos nun prazo de dous meses.