D3Mobile converte a USC na primeira universidade que difunde o labor científico dos seus investigadores a través do modelado 3D
O campionato científico escolar D3Mobile Metrology World League 2017 converte a USC na primeira universidade que aposta polo modelado 3D como vía para difundir e dar a coñecer o labor científico que desenvolven os seus grupos de investigación. O 3DMobile é un certame de modelado 3D de precisión con teléfono móbil ou tablet que organiza o grupo USCAN3D da USC e que abriu recentemente a súa quinta edición.
Concibida como unha experiencia educativa en liña que persigue a estimulación das competencias STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) entre o alumnado de 12 a 18 anos, a aposta do D3Mobile pola difusión do I+D+i da USC tradúcese na convocatoria de 2017 na creación dun galardón para a difusión de resultados de investigación dun científico, centro ou equipo de investigación da USC, así como na implantación dun premio semellante orientado á divulgación da ciencia no contexto español.
O director do D3Mobile, o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, Juan Ortiz Sanz, sinalou que estes galardóns a prol do traballo de I+D+i que desenvolven as universidades favorecen a transferencia de coñecemento de xeito colaborativo entre a universidade compostelá e os estudantes e docentes que participan neste campionato internacional, a través da realización dun modelo 3D representativo do seu labor científico.
As persoas interesadas en participar na quinta edición de D3Mobile, un certame que conta co aval da Unesco e co apoio, entre outros, do campión mundial de Moto GP Marc Márquez, poden formalizar a súa inscrición de balde ata o 14 de marzo de 2017 na web deste campionato, onde tamén poderán atopar cumprida información sobre os requirimentos establecidos, prazos e galardóns establecidos para os distintos equipos gañadores.