Coñecer, sensibilizar e previr, chaves para a conservación da fauna salvaxe
O coñecemento da fauna salvaxe e das distintas especies consideradas exóticas, o labor de sensibilización respecto da súa protección e a adopción de medidas de prevención resultan aspectos chave para a conservación da fauna salvaxe, segundo puxeron de manifesto os distintos relatores que participaron na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC nun congreso promovido pola Asociación Estudantil de Natureza e Defensa Animal (AENDA) xunto coa Asociación de Veterinarios para a Defensa da Fauna Exótica e Salvaxe (Avafes).
O foro de debate arredor do cometido da ciencia Veterinaria respecto das especies silvestres, unha cita inaugurada polo decano Gonzalo Fernández Rodríguez e na que tomaron parte máis dun centenar de persoas, entre alumnado de Veterinaria, profesionais en exercicio e persoas interesadas na conservación da natureza e na protección destas especies de fauna, permitiu afondar sobre algunhas das técnicas máis novidosas que se están a empregar para o estudo da fauna salvaxe.
O egresado da Facultade de Veterinaria da USC Jorge Barciela abriu a palestra de intervencións deste foro monográfico cunha exposición sobre a metodoloxía de estudo da fauna salvaxe, no marco da que salientou que a conservación deste tipo de especies animais require do emprego de metodoloxías que posibiliten optimizar o uso de recursos económicos e humanos, ao tempo que resulten versátiles e poidan resultar de aplicación en diferentes situacións e casuísticas.
A bióloga tamén formada na USC Amanda Barciela, quen desde 2015 forma parte do proxecto de investigación e conservación do chimpancé no Oeste de África que promove o Instituto Jane Goodall en Senegal, puxo o foco na transcendencia da sensibilización da poboación local en aras a avanzar na conservación de especies ameazadas, xa que o feito de non acadar a súa implicación dificulta calquera tipo de intervención de profesionais de fóra.
O membro fundador de NJOVU African Wildlife Conservation Jaime Galán aproveitou a súa intervención neste foro, que contou co patrocinio de Galeno, para analizar algúns dos desafíos que implica o conflito humano – animal no Sur de África, ao tempo que apuntou algunhas posibles vías de solución. Así, logo de apuntar a “falta de equidade” como base deste enfrontamento, Galán sinalou a posible ameaza ao benestar social e a competencia entre humanos e animais polos mesmos recursos como axentes causantes desta realidade.
Mamíferos mariños
A necesidade de coñecer as particularidades das especies chamadas exóticas para logo saber como actuar centrou o relatorio ofrecido neste foro por Xabier Pin, veterinario da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que centrou a súa exposición na análise biolóxica e anatómica dos pinnípedos, así como nos aspectos que deben rexer o seu manexo e mesmo a actividade clínica.
O facultativo veterinario especializado en fauna silvestre e exótica Albert Bassols alertou na palestra de clausura do congreso de AENDA sobre as dificultades que implica o rescate de cetáceos varados. Bassols, que puxo en valor a importancia da medicina preventiva e as sinerxías positivas que depara a colaboración entre bioloxía e veterinaria, explicou tamén ao alumnado de Veterinaria no Campus Terra da USC distintas técnicas de cirurxía en tartarugas mariñas.