Pasar al contenido principal

Sete arquitectas rumanas que deixaron unha fonda pegada protagonizan a mostra ‘A muller que son’

Algunhas das imaxes da mostra  'A muller que son. 7 arquitectas rumanas e as súas obras'. FOTO: Santi Alvite
Algunhas das imaxes da mostra 'A muller que son. 7 arquitectas rumanas e as súas obras'. FOTO: Santi Alvite
A Igrexa da Universidade exhibe ata o 8 de abril imaxes e información sobre unha selección de obras que abordan temas coma a integración dos edificios no medio ambiente, o interiorismo ou o paisaxismo

“A arquitectura é unha arte que impacta na vida das persoas”, afirmaba a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, na inauguración este venres da exposición 'A muller que son. 7 arquitectas rumanas e as súas obras', que se poderá ver ata o 8 de abril na Igrexa da Universidade en Santiago. A vicerreitora estivo acompañada pola directora do Instituto Cultural Rumano de Madrid, María Floarea Pop; polo presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Santiago, Ángel Cid; polo responsable da Área de Cultura do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Luis Gil e polo cónsul honorario de Rumanía en Galicia, Diego Esquer.

Pilar Murias asegurou que a exposición é “un recoñecemento á comunidade rumana asentada en España e en Galicia” e lembrou que desde a USC hai colaboración con universidades rumanas a través do programa Erasmus ou programas europeos. Así mesmo, recalcou que a mostra supón “unha recuperación do labor dunhas arquitectas que non foi resaltado no seu momento”.

En concreto, a mostra homenaxe o traballo e as figuras da raíña María de Rumanía, que aínda non sendo propiamente unha arquitecta puxo as bases na sociedade para que puideran traballar nese eido as seis arquitectas que canda ela protagonizan a exposición: Virginia Andreescu Haret, Henrietta Delavrancea, Ioana Grigorescu, Silvia Demeter-Lowe, Eliza Yokina e Ilinca Păun Constantinescu. Comisariada pola presidenta da Unión de Arquitectos de Rumanía (UAR), a arquitecta Ileana Tureanu, a exposición presenta, mediante unha selección de fotografías e textos, maquetas e obxectos, a actividade das arquitectas de Rumanía, desde as pioneiras da arquitectura rumana do período de entreguerras e posbélico, ata os nomes máis representativos das novas xeracións.

María Floarea salientou o feito de que “a arquitectura é clave para entender e conectarnos co mundo e as persoas”, e considerou que a exposición “serve de ponte entre Rumanía e España” e abre a posibilidade de colaborar en novos actos culturais no futuro. Sobre o traballo das sete arquitectas rumanas que se exhibe na exposición, indicou que as obras seleccionadas parten do ano 1919 e que as profesionais realizaron obras “de máximo nivel”.

No conxunto de obras exhibidas podemos ver como compatibilizar a restauración coa conservación da arte tradicional, o exitoso traballo de recuperación de sete mosteiros que logo foron declarados Patrimonio da Humanidade ou iniciativas “para achegarlles a arquitectura a nenas e nenos, para educar as novas xeracións”, subliñou a directora do Instituto Cultural Rumano de Madrid.

O presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Santiago, Ángel Cid, afirmou que a exposición permite “a posta en valor da arquitectura como ferramenta que reflicte o noso pasado e mostra como son as nosas sociedades”.

A colaboración entre o Instituto Cultural Rumano de Madrid, a Unión de Arquitectos de Rumanía, a Universidade de Santiago de Compostela e o Colexio de Arquitectos de Santiago e o de Galicia, co apoio do Consulado Xeral de Rumanía en Bilbao, permite visitar por primeira vez en Santiago de Compostela esta exposición, que se poderá ver na Igrexa da Universidade ata o 8 de abril, de luns a venres, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. A mostra estará pechada os días 11 e 29 de marzo a partir das 19.00 horas.

Luis Gil, esquerda, Ángel Cid, Pilar Murias, María Floarea e Diego Esquer. FOTO: Santi Alvite
Luis Gil, esquerda, Ángel Cid, Pilar Murias, María Floarea e Diego Esquer. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.03.2024.