As sesións de Orientación Profesional prepararán o estudantado na súa transición ao eido laboral do 18 ao 21 de marzo
As Xornadas de Orientación Profesional prepararán o estudantado de último curso de grao e mestrado, e titulados recentes, para a súa transición ao ámbito laboral. Baixo esta premisa, a Área de Orientación Laboral e Emprego bota a andar estas sesións o vindeiro 18 de marzo, a partir das 9.30 horas. A inscrición para a primeira das xornadas que se centrará nos programas de prácticas e bolsas a nivel autonómico, estatal e internacional, pode formalizarse a través da secretaría virtual. Todas as actividades desenvolveranse de forma presencial na Aula Seminario de Economía da Facultade de Dereito.
A segunda xornada que tamén terá lugar o día 18 comezará ás 12.00 horas e servirá para abordar a elaboración do currículo e a carta de presentación. A terceira das sesións tratará a rede social LinkedIn como ferramenta para a busca de emprego e desenvolverase o día 19 ás 10.00 horas. O 20 de marzo será a quenda das estratexias para potenciar as competencias na busca de emprego. A sesión comezará ás 16.30 horas. A derradeira das xornadas terá lugar o 21 de marzo, ás 10.00 horas, e centrarase en como acometer os procesos de selección.
A inscrición de cada actividade estará aberta ata completar a capacidade do espazo. Pode obterse máis información contactando coa Área de Orientación Laboral da USC no mail orientacion.laboral [at] usc.es (orientacion[dot]laboral[at]usc[dot]es), ou no teléfono 8818 12850.