Pasar al contenido principal

O CDG preestrea 'Manuela Rey is in da house' o mércores 13 nun pase dirixido á comunidade estudantil da USC

Con dramaturxia e dirección de Fran Núñez, director do CDG, un equipo artístico galego-portugués leva a escena o espectáculo 'Manuela Rey is in da house'. FOTO: Santi Alvite
Con dramaturxia e dirección de Fran Núñez, director do CDG, un equipo artístico galego-portugués leva a escena o espectáculo 'Manuela Rey is in da house'. FOTO: Santi Alvite
As persoas interesadas en asistir deben enviar un correo electrónico co seu nome e datos de contacto ao Consello do Estudantado

O Centro Dramático Galego (CDG) convida o estudantado da USC a acudir á preestrea do espectáculo 'Manuela Rey is in da house' que terá lugar este mércores 13, a partir das 20.30 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Para asistir a este pase dirixido á comunidade estudantil da USC, é preciso enviar nome e datos de contacto de cada asistente ao Consello do Estudantado a través do enderezo consello.estudantado [at] usc.gal (consello[dot]estudantado[at]usc[dot]gal) antes das 14.00 horas do día 13.

Esta iniciativa enmárcase dentro da nova vaga de Faiscas Culturais centradas na recuperación da figura da actriz galega Manuela Rey. A mindoniense converteuse na grande estrela lisboeta de mediados do século XIX. Naceu en 1842 e finou aos 23 anos como primeira actriz do Teatro Dona María II da capital portuguesa. As Faíscas, unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural, alumean agora “a traxectoria vital e profesional aínda moi descoñecida” de Manuela Rey, tal e como apuntan dende a organización.

O CDG en coprodución co Teatro do Noroeste_CDV (Viana do Castelo), co Teatro Nacional Sao Joao de Porto e co Teatro Nacional D. María II de Lisboa únense para poñer en valor e reivindicar a figura da alcumada como ‘muller lirio’. Con dramaturxia e dirección de Fran Núñez, director do CDG, un equipo artístico galego-portugués leva a escena o espectáculo 'Manuela Rey is in da house', estreado recentemente en Portugal e que en Galicia representarase o próximo 14 de marzo, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, coa excepción da sesión que o día 13 se desenvolverá para a comunidade universitaria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.03.2024.