Pasar al contenido principal

Aversión, estrés, vinganza... códigos non aptos para animais

Participantes e relatores do VIII Congreso de Etoloxía Clínica Aplicada, en Veterinaria
Participantes e relatores do VIII Congreso de Etoloxía Clínica Aplicada, en Veterinaria
Unha reunión científica sobre o estudo do comportamento e a conduta dos animais promovida polo Grupo Universitario de Etoloxía Clínica Aplicada da Facultade de Veterinaria da USC e no que participan como relatores catro diplomados europeos en Benestar Animal e Medicina do Comportamento cita 160 persoas no Campus Terra
Lugo

Aversión, estrés, vinganza... constitúen códigos que pouco ou nada favorecen o bo comportamento e as condutas desexadas nos chamados animais de compañía, segundo se puxo de manifesto no VIII Congreso de Etoloxía Clínica Aplicada celebrado na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, unha reunión científica na que tomaron parte unhas 160 persoas e na que, entre outros, participaron como relatores Tomás Camps, Xavier Manteca, Marta Amat e Ángela González, todos eles diplomados europeos en Benestar Animal e Medicina do Comportamento.

A cita promovida polo Grupo Universitario de Etoloxía Clínica Aplicada, un colectivo estudantil agromado na sede universitaria luguesa baixo o apadriñamento da etóloga clínica e facultativa no hospital Rof Codina, Ángela González, serviu para, entre outras cuestións, constatar que as mascotas actúan, en boa medida, como espellos que reflicten a conduta e o comportamento dos seus titores.

As primeiras palestras deste foro afondaron sobre as práctica axeitadas para educar un cachorro desde o respecto e o vínculo seguro, ao tempo que tamén trataron sobre as claves do temperamento en cans e gatos, un tipo de condutas ou reaccións resultantes da interacción do propio animal e dos seus xenes co ambiente no que se move e coa forma de ser  dos seus titores.

A graduada en Veterinaria e investigadora no Hospital Rof Codina Susana Muñiz abundou máis nas premisas apuntadas por Tomás Camps e Xavier Manteca nas súas respectivas exposicións, ao establecer unha relación directa entre os problemas de comportamento que presentan algúns cans co emprego de estímulos desagradables (métodos aversivos) ao longo do seu proceso educativo e de aprendizaxe.

Muñiz alentou neste senso aos titores de mascotas participantes no congreso a rexeitar e afastarse das pautas e métodos de educación de mascotas amosados nalgúns programas de televisión para decantarse por procesos de educación/adestramento de mascotas baseados en actitudes positiva que favorezan a creación dun vínculo seguro.

As recomendacións para titores de cans tamén poderían ter a súa aplicación no caso dos felinos, dado que a agresividade é un dos problemas máis frecuentes que presenta esta especie, dixo Marta Amat. Asemade, Pablo Hernández tamén apuntou que outro dos problemas de comportamento máis habituais nos felinos pode estar relacionado cunha posible aversión á bandexa ou eliminación inaceptable, tal e como se coñece o depósito de feces e ouriños en espazos pouco axeitados.

Alén destas cuestións relacionadas co comportamento e a conduta de mascotas caninas e felinas, a etóloga Ángela González abordou neste congreso científico a incidencia do estrés na cistite idiopática felina (CIF), unha patoloxía crónica que cursa con dor, urxencia urinaria e aumento da frecuencia de miccións sen ningún proceso de infección asociado. Daquela, do mesmo xeito que ocorre entre a poboación humana, González non dubidou en apuntar o estrés como un dos factores que aumenta o risco de CIF en felinos.

As palestras sobre problemas de comportamento de cans e gatos, o seu diagnóstico e a adopción de medidas preventivas ou de superación centraron a primeira xornada do VIII Congreso de Etoloxía Aplicada, un foro no que as persoas participantes tamén tiveron a oportunidade de afondar sobre o comportamento dos réptiles, as aves rapaces, así como respecto do emprego de intelixencia artificial e do deporte canino.

As candorcas e a problemática interacción que manteñen coas embarcacións centrou outra das temáticas tratadas neste reunión científica, na que participaron os principais especialistas do país en Etoloxía Clínica Aplicada e durante a que o biólogo Alfredo López, da oenegué galega Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños CEMMA,  descartou que estes mamíferos mariños carnívoros atacaran as embarcacións por vinganza, aínda que tampouco se atreveu a asegurar cal era a causa de tal comportamento.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.03.2024.