Pasar al contenido principal

Consello do Estudantado e 14 centros da USC recibirán axudas para a dinamización sociocultural, físico-deportiva e cultural

Cada unha das iniciativas propostas, abertas ao conxunto da comunidade universitaria, tiña que incluír a perspectiva de xénero no seu deseño e execución. FOTO: Santi Alvite
Cada unha das iniciativas propostas, abertas ao conxunto da comunidade universitaria, tiña que incluír a perspectiva de xénero no seu deseño e execución. FOTO: Santi Alvite
A convocatoria impulsada pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura recibiu un total de 47 propostas de actividades, 22 máis que o ano pasado, das cales 32 recibirán financiamento para dinamizar a vida das facultades e das escolas universitarias
Lugo, Santiago de Compostela

Un total de 14 centros da USC e mais o Consello do Estudantado resultaron beneficiados ao abeiro das axudas destinadas ao desenvolvemento de actividades de dinamización sociocultural, físico-deportiva e cultural convocadas pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura para o ano 2024. En concreto, recibirán financiamento 32 iniciativas das 47 que concorreron á convocatoria. As propostas teñen como finalidade dinamizar a vida das facultades e das escolas universitarias de tal xeito que sexan estas, xunto co Consello do Estudantado, as  protagonistas no deseño e execución de actividades que estean ligadas aos intereses do seu estudantado.

A resolución que acaba de publicarse evidencia un notable incremento de solicitudes con respecto á pasada edición na que chegaran a presentarse 25 proxectos. Á hora de acometer a valoración das solicitudes tivéronse en conta diversos criterios como o impacto potencial da actividade na comunidade estudantil (20 puntos), o apoio do estudantado e implicación na organización das actividades (20 puntos), a calidade e adecuación da actividade ao obxecto da convocatoria (20 puntos), a adecuación do orzamento solicitado á actividade (20 puntos), a descrición da estratexia de difusión que se fará da actividade (10 puntos), así como a das ferramentas de avaliación do éxito da iniciativa (10 puntos).

Ademais, cada unha das iniciativas propostas, abertas ao conxunto da comunidade universitaria, tiña que incluír a perspectiva de xénero no seu deseño e execución, alén de recoller unha previsión do seu impacto ambiental e de contar co aval dun mínimo de 20 estudantes por centro participante. Cada actividade ten que empregar a lingua galega e executarse antes do 15 de novembro de 2024.

A comisión avaliadora estivo integrada pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; o delegado do Reitor para o Deporte, Javier Rico; a delegada do Reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro; e representante dos decanatos e direccións de centros docentes, representante do Consello do Estudantado, así como representantes dos ámbitos cultural e deportivo de Galicia.

Ademais do Consello do Estudantado, os centros beneficiados ao abeiro desta convocatoria son as facultades de Ciencias da Comunicación, Filosofía, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias da Educación, Filoloxía, Física, Óptica e Optometría, Formación do Profesorado, Xeografía e Historia, Bioloxía, Matemáticas, Farmacia, Veterinaria e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

A contía máxima por actividade é de 2.500 euros e cada centro puido optar a un financiamento máximo por varias actividades de 4.000 euros. Con todo, este último límite non se aplica ás solicitudes presentadas a través do Consello do Estudantado. En total, a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura destinou un total de 35.000 euros ao financiamento desta convocatoria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.03.2024.