Pasar al contenido principal

Protocolos Clínicos de Endodoncia y Reconstrucción del Diente Endodonciado, libro do profesor da USC, Benjamín Martín Biedma

De dereita a esquerda, Benjamín Martín e Agustín Sánchez (Foto: SERVIMAV-USC)
De dereita a esquerda, Benjamín Martín e Agustín Sánchez (Foto: SERVIMAV-USC)

O profesor de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas da Universidade de Santiago (USC), Benjamín Martín Biedma presentou no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, o seu libro 'Protocolos Clínicos de Endodoncia y Reconstrucción del Diente Endodonciado'.

O acto de presentación, ao que acudiu un nutrido grupo de persoas, profesores, especialistas e amigos, celebrouse o pasado venres e, xunto ao autor, participaron no mesmo, o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, Juan Gestal; o autor do prologo e vicedecano da Facultade, Juan Suárez Quintanilla; o responsable do proxecto e de Dentsply Academy en España e Portugal, Carmen Sermeño; e a xerente de Dentsply Sirona Iberia, Agustín Sánchez.

Foi, precisamente, Agustín Sánchez que aportou un dato importante: cada ano fanse no mundo douscentos millóns de procesos de endodoncia, que ademais, de facerse ben, son exitosos nun 90% dos casos. Sánchez destacou a importancia da formación e da investigación neste campo, no que, dixo, “a USC sitúase na cabeza, a nivel mundial”. De feito, o libro distribuirase tamén nos países de fala hispana e avanzaron que xa pensan na súa tradución ao portugués e inglés.

O volume, que conta coa colaboración de numerosos profesionais do sector, foi editado por Atlantis Editorial en colaboración con Dentsply Sirona, empresa dental líder mundial no campo da endodoncia. O autor, profesor da USC e profesional da odontoloxía na localidade coruñesa de Noia, fala nesta obra do presente e futuro dos protocolos clínicos da endodoncia, a súa efectividade a curto e medio prazo e a incorporación das novas tecnoloxías a estes tratamentos. Trátase dun libro visual, concibido como manual orientado a profesionais e estudosos do ámbito da odontoloxía no que están contemplados os distintos e complexos procesos da endodoncia e reconstrución do dente dun xeito práctico.

A publicación, con 14 capítulos e 174 páxinas a toda cor, divídese en tres bloques diferentes. No primeiro, segundo o autor, relaciónanse as catro patas en que se asenta a endodoncia –diagnóstico, instrumentación, irrigación e obturación– e explícanse os conceptos básicos e os sistemas de instrumentación máis frecuentes. Na segunda parte analízase como dar resposta ás distintas complicacións que poden presentarse e, na terceira, danse pautas para os distintos procedementos de adhesión, reconstrución e restauración dentaria. O libro remata cunha explicación dos protocolos para o branqueado externo e interno do dente.

O profesor Martín Biedma contou coa colaboración de numerosos profesores e especialistas como Giuseppe Cantatore, profesor de endodoncia na Universidade San Raffaele de Milán; Purificación Varela Patiño e Manuel Ruiz Piñón, da USC, codirectora e coordinador, respectivamente, do Máster de Endodoncia; Pablo Castelo Baz, Sandra García Varela e Beatriz Suárez Mallo, doutores en odontoloxía pola USC; Walter Dias, da clínica Marketing Dentsply Sirona (Alemania); Rosa Vilariño Rodríguez, coordinadora PTD da Universidade Alfonso X el Sabio (Madrid), e o odontólogo Pepe Martín Cruces.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.02.2017.