Pasar al contenido principal

A Escola Infantil Breogán abre o seu prazo de presentación de solicitudes do 16 de marzo ao 5 de abril

Este é un servizo educativo que ofrece a USC a toda a sociedade. FOTO: Santi Alvite
Este é un servizo educativo que ofrece a USC a toda a sociedade. FOTO: Santi Alvite
A convocatoria está aberta ao conxunto da cidadanía, se ben as solicitudes dos membros da comunidade universitaria terán prioridade

A Universidade de Santiago de Compostela lanza unha nova convocatoria de prazas na Escola Infantil Breogán (EIB) para o curso 2024-25, no marco do compromiso institucional da USC coa responsabilidade social e as políticas de conciliación da vida laboral, persoal e familiar. O período de presentación de solicitudes estenderase do 16 de marzo ao 5 de abril a través da Sede Electrónica. As solicitudes dos membros da comunidade universitaria terán prioridade sobre as das persoas que non pertencen a dita comunidade.

A publicación das listas provisionais de solicitudes admitidas a trámite terá lugar o 6 de maio, estendéndose o período de reclamacións do 7 ao 13 de maio. A listaxe definitiva publicarase o 31 dese mes, mentres que o pago da fianza poderá efectuarse do 1 ao 14 de xuño. Finalmente, o 9 de setembro, publicarase a asignación de cotas. As solicitudes de novo ingreso deberán de ir acompañadas do certificado de convivencia en Galicia da unidade familiar e da certificación oficial que acredite o grao de discapacidade e/ou dependencia do neno ou nena, ou membros da unidade familiar, de ser o caso. A persoa solicitante deberá entregar calquera outro documento que se lle requira para aclarar a situación familiar, económica ou social que poida terse en conta na adxudicación da praza.

A Escola Infantil Breogán estará aberta en horario ordinario de 07.45 a 18.00 horas e oferta tres tipos de xornadas: completa (8 horas máximo de permanencia no centro), media xornada (4 horas máximo) e media xornada + 1 hora (5 horas máximo de permanencia). Este é un servizo educativo que ofrece a USC a toda a sociedade, no seu compromiso social coa conciliación da vida laboral, persoal e familiar. Dirixe a súa actividade a nenos e nenas de 0-3 anos e a súa liña pedagóxica está baseada, principalmente, na afectividade, na observación, na experimentación e no xogo a través dun proxecto educativo global e integral.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.03.2024.