Pasar al contenido principal

Estudantado da USC conmemora a Semana Mundial da Optometría cun screening visual a 200 nenos e nenas

Durante o mes de abril, acometerase a revisión doutros 250 nenos e nenas de entre 7 e 9 años
Durante o mes de abril, acometerase a revisión doutros 250 nenos e nenas de entre 7 e 9 años
A iniciativa enmárcase na ApS ‘O cribado visual na contorna educativa para unha maior inclusión social’ que o centro leva cinco anos desenvolvendo
Santiago de Compostela

Arredor de 200 nenos e nenas do CEIP Plurilingüe de Palmeira e do EEI Dean Grande de Ribeira serán sometidos ao longo desta semana a un screening visual a cargo de estudantado da Facultade de Óptica e Optometría da USC. A actividade dirixida a cativada de entre 3 e 10 anos, enmárcase na Semana Mundial da Optometría que promove o World Council of Optometry e que se estende dende este luns 18, ata o vindeiro 22 de marzo.

Durante o mes de abril, acometerase a revisión doutros 250 nenos e nenas de entre 7 e 9 años noutros seis centros educativos do Concello de Boiro (CEIP Abanqueiro, CEIP Cespón, CEIP Santa Maria do Castro, CEIP Escarabote,  CEIP Santa Baia e CEIP Praia Xardin). Esta iniciativa forma parte do proxecto de innovación en Aprendizaxe-Servizo (ApS) ‘O cribado visual na contorna educativa para unha maior inclusión social’ que a Facultade leva cinco anos desenvolvendo. A ApS pode ser descrita como unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social.

Divulgación

Ademais, este xoves 21, ás 16.30 horas, a asociación de antigos/as alumnos/as AlumniUSC e o Servizo de Optometría organizan unha visita á Facultade na que se impartirá o relatorio ‘A importancia de ver ben en todas as etapas da vida’ e tras a cal terá lugar unha vista á Clínica de Optometría da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.03.2024.