A mostra '8 libros, 8 mulleres que cambiaron o mundo' comeza a súa andaina na Facultade de Filoloxía
A Facultade de Filoloxía acolle desde hoxe e ata o 18 de abril a exposición '8 libros, 8 mulleres que cambiaron o mundo'. Organizada pola Biblioteca Universitaria, a mostra presenta unha selección de obras escritas por mulleres que mudaron o mundo con palabras, obras senlleiras da ecoloxía, a literatura ou a política escrita por mulleres; terá carácter itinerante e poderase ver nas distintas bibliotecas da USC. Á apertura da exposición asistiu o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo; a directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal; o decano da Facultade de Filoloxía, Elias Feijó e o secretario xeral de Política Lingüística en funcións, Valentín García.
A idea orixinal da exposición e o deseño son de Pedro Quílez. Tratase dunha mostra que está presente noutras bibliotecas do estado. No caso da USC, fíxose a tradución ao galego e escolléronse as versións na nosa lingua para aquelas obras que contaban cunha edición en galego. Consta de nove paneis: un introdutorio e oito máis dedicados a unha muller e a súa obra, cun breve fragmento desta. As obras recollidas nos paneis son: Frankenstein ou o moderno Prometeo (1818), de Mary Shelley; A cabana do tío Tom (1851) de Harriet Beecher Stowe; Abaixo as armas (1889) de Bertha Von Suttner; O voto feminino e mais eu (1936) de Clara Campoamor; Matar un reiseñor (1960) de Harper Lee; Primavera silenciosa (1962) de Rachel Carson; Eichmann en Xerusalén (1963) de Hanna Arendt e A mística da feminidade (1963) de Betty Friedan.
A mostra, que recibiu unha axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a súa realización, desprazarase á Biblioteca Concepción Arenal posteriormente; alí estará do 23 de abril ata o 16 de maio. Na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais poderá verse do 21 de maio ata o 6 de xuño; na biblioteca da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo estará do 1 ata o 15 de outubro; na Biblioteca Intercentros de Lugo poderá verse do 17 ata o 31 de outubro e en novembro chegará á Biblioteca Xeral en Santiago.