Pasar al contenido principal

O cuarto inverno máis chuvioso deste século deixa paso este mércores 20 á primavera, que durará 93 días

Estudantes no Campus. FOTO: Santi Alvite
Estudantes no Campus. FOTO: Santi Alvite
Neste mes de marzo será posible observar con prismáticos o cometa 12P/Pons-Brooks, segundo o coordinador de investigación do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo

A primavera comeza este mércores 20 de marzo, ás 4 horas e 6 minutos e prolongarase durante case 93 dias ata as 22 horas e 51 minutos do 20 de xuño. Durante a primavera haberá ao amencer unha curiosa aliñación planetaria de  Venus, Marte e Saturno; na segunda quincena de abril agregarase Mercurio e xa a finais de maio, Xúpiter substituirá a Venus, mentres a Lúa vai ir pasando por esa aliñación a comezos de cada mes, segundo explica o coordinador de investigación do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo.

O inicio da primavera prodúcese cando o Sol  pasa polo punto Aries, ou equinoccio de marzo, un dos dous puntos de corte da eclíptica co ecuador celeste; nestes dias, na contorna do equinoccio, a duración do día e da noite son teoricamente iguais. O Sol sae exactamente polo leste e o solpor prodúcese exactamente ao oeste. Porén, debido á luz crepuscular, antes da saída do Sol e logo do solpor, a claridade supera á escuridade. Relacionada coa época na que cadra a Semana Santa está a lúa, xa que logo o domingo de Pascua (este ano 31 de marzo) é o domingo seguinte a primeira lúa chea da primavera (este ano 25 de marzo).

Típicas desta estación son as choivas de estrelas Líridas e eta-Acuáridas as cales teñen  os seus máximos os días 22 de abril e 5 de maio respectivamente. Así mesmo, o día 8 de abril terá lugar unha eclipse solar total visible no océano Pacífico, Estados Unidos, e no océano Atlántico. En Galicia vai coincidir o solpor co comezo da eclipse polo que se verá só  durante uns minutos como parcial e tanto mellor canto máis preto da costa atlántica.

Este mes de marzo tamén é posible observar con prismáticos o cometa 12P/Pons- Brooks logo do solpor na constelación de Pisces entre as 20.30 e 21.15 horas aproximadamente.

Polo que atinxe á información meteorolóxica, remata un inverno moi chuvioso aínda que mesturado cuns días de temperaturas agradables en Compostela, de feito foi o cuarto inverno con máis precipitación do que vai de século con 712,5 litros/m2. Se temos en conta que así mesmo vimos dun outono con moitísima auga, resulta que nos seis últimos meses a estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller mediu 1.704 litros/m2, só superados polo mesmo intervalo de tempo dos anos 2000-01 ( 2.893 l/m2), 2013-14 (2.015 l/m2), 2002-03 (1940 l/m2), e 2009-10 (1.764 l/m2). Na estación que agora remata,  houbo 58 días de chuvia, destacando a xornada do 8 de febreiro con 93,3 litros/m2.
                               .
A temperatura máxima tivo lugar o 14 de febreiro con 21º9, superándose os vinte graos noutras cinco ocasións. Pola contra a temperatura mínima absoluta rexistrouse o 20 de xaneiro con 1º3 baixo cero.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.03.2024.