Pasar al contenido principal

Campus Terra e Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal avanzan cara a unha “indispensable” colaboración

Relatores e participantes na xornada técnica promovida polo LNSV xunto co Campus Terra da USC
Relatores e participantes na xornada técnica promovida polo LNSV xunto co Campus Terra da USC
A delegada do reitor da para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, salienta as sinerxías entre a actividade do organismo ministerial e as liñas de especialización do campus, ao tempo que sinala as múltiples oportunidades laborais que depara o ámbito da sanidade vexetal ás persoas tituladas na sede universitaria luguesa
Lugo

O Campus Terra da USC e o Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal (LNSV), dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España, exploran posibles vías de colaboración institucional no marco dunhas xornadas técnicas que serviron para facer visibles as sinerxías existentes entre a actividade que desenvolve o organismo ministerial e as liñas de especialización do Campus Terra.

A conexión entre o Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal e o Campus Terra da USC é evidente, salientou a director do LNSV, Irene Suárez Fernández, na apertura da xornada, un acto no que detallou os obxectivos do laboratorio de diagnóstico emprazado en Lugo, cuxos cometidos xiran arredor do diagnóstico de pragas en vexetais (sanidade vexetal), do control da hixiene das diferentes producións (hixiene vexetal), ademais doutros procesos e técnicas de caracterización molecular. O labor que se fai neste laboratorio é de vital importancia pola repercusión da sanidade vexetal en todos os ecosistemas, dixo, ao tempo que agradeceu a participación do Campus Terra  da USC neste foro técnico

As sinerxías entre a actividade do organismo ministerial e as liñas de especialización do campus son evidentes, manifestou a delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera. Unha afirmación corroborada, acto seguido cos relatorios das profesoras na EPS de Enxeñaría Josefa Lombardero e Cristina Cabaleiro, que trataron nas súas respectivas intervencións neste foro sobre as interaccións entre a especie invasora Dryocosmus kuriphilus  e o castiñeiro en Galicia, así como respecto das vantaxes e dos riscos das técnicas rápidas, económicas e de uso doado para diagnosticar virus para estudos epidemiolóxicos.

Alén da participación destas investigadoras do  Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, que, á súa vez son especialistas en sanidade vexetal, López Mosquera, lembrou tamén na clausura desta xornada técnica a relación directa entre catro das liñas de especialización do Campus Terra co LNSV, tal e como o son Produción Vexetal e Agricultura Sostible, Xestión Forestal Sostible, Produción e Saúde Animal Sostible es e Alimentación Segura e Saudable.

Esta realidade fai que as sinerxías entre o Campus Terra da USC e o Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal se antollen “indispensables”para o alumnado e o persoal investigador do Campus Terra, sinalou. López Mosquera apunto asemade na clausura deste foro os múltiples restos que depara a sanidade vexetal, un abano de desafíos que abranguen desde a progresiva mellora da seguridade alimentaria, a protección da biodiversidade, a redución do uso de fitosanitarios, a adaptación ao cambio climático, detección e control de enfermidades e pragas emerxentes ata o impulso de novas medidas lexislativas e innovadoras a prol da diminución do emprego de praguicidas e mesmo de estratexias de protección que non danen o medio natural nin a saúde humana e animal.

As distintas sesións expositivas programadas nesta xornada, que citou preto de medio centenar de participantes na sede do LNSV, permitiron coñecer con máis detalle parte da actividade científica e técnica que se desenvolve neste ente ministerial. Así, a responsable técnica de sanidade vexetal do LNSV Vanesa Ferreiroa Martínez, fixo un ensaio sobre a detección do froito rugoso marrón do tomate (ToBRFV) por RT-PCR en tempo real en sementes de tomate e pemento.

A detección de Escherichia coli produtora de toxinas Shiga (STEC) por PCR en tempo real en produtos vexetais e auga centrou outro ensaio, realizado neste caso p ola responsable técnica no ámbito da hixiene vexetal do LNSV, Alexandra Herrera Estévez. Asemade, a técnico responsable da caracterización molecular neste laboratorio dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Karola Böhme, presentou nesta sesión as distintas tecnoloxías: secuenciación xenómica e espectometría de masas MALDI-Tof empregadas no LNSV para a caracterización molecular. Un relatorio sobre o control de calidade no LNSV e o seu sistema integrado de xestión, a cargo da xefa de servizo deste centro, María Arias Iglesias, serviu de colofón do programa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.03.2024.