Pasar al contenido principal

A USC rende contas ante a sociedade coa presentación da súa última Memoria de Responsabilidade Social

De esquerda a dereita, Pilar Martínez, Antonio López, Martín Pita e Gumersindo Feijoo. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Pilar Martínez, Antonio López, Martín Pita e Gumersindo Feijoo. Foto: Santi Alvite
Universidade pioneira en publicar unha memoria de RSC en 2006, a USC renova así o seu compromiso coa transparencia e a xestión ética e eficiente dos seus recursos

O compromiso coa transparencia, a rendición de contas e a xestión ética e eficiente dos recursos humanos e materiais é un dos trazos da USC que queda plasmado de maneira periódica na súa Memoria de Responsabilidade Social Corporativa. A última presentouse este martes 19 en San Xerome nun acto que presidiu o reitor Antonio López, para quen “a continua avaliación interna, xunto cunha mirada crítica externa, impúlsanos a mellorar nun compromiso constante acorde coas bases da sustentabilidade e cun comportamento ético que permita situar a USC como un dos faros da sociedade galega”. 

O documento, correspondente aos cursos académicos 2020-2021 e 2021-2022 e aos anos naturais 2021 e 2022, é para a presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra, “un bo expoñente do empeño da USC de contribuír á mellora da sociedade” a través da investigación, a transferencia de coñecemento, a inclusión e a Sustentabilidade. Neste senso, Sierra valorou moi positivamente no limiar da memoria o “enorme esforzo” que a USC está a realizar para responder aos desafíos que presenta a transformación dixital, a Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

A de Santiago foi unha das primeiras universidades españolas en desenvolver políticas de responsabilidade e a primeira institución de educación superior que publicou a súa memoria de responsabilidade social no ano 2004. Vinte anos máis tarde, a memoria amplíase cos eixes fundamentais, neste caso, da súa Programación plurianual 2019-2022 e tenta dar resposta aos Principios do Pacto Mundial das Nacións Unidas identificando os ODS nos que a USC participa.

A memoria foi verificada por AENOR coa Certificación Global Reporting Initiative (GRI), pola que se seguen os estándares GRI (GRI - GRI Standards Spanish Translations (globalreporting.org) e acredita que “se ofrece unha visión global dos impactos máis significativos da organización sobre a economía, o medio ambiente e as persoas, incluindo os impactos que afectan os dereitos humanos e como os xestiona”. 

A entidade verificadora estivo representada hoxe no acto polo director da Rexión Atlántica de AENOR CONFIA, SAU, Martín Pita López, e a el tamén asistiron o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo, e a vicexerenta xeral técnica da USC, Pilar Martínez.

2021 e 2022, anos cruciais
O documento comeza definindo o perfil da USC para logo analizar polo miúdo catro cuestións concretas como son a gobernanza, a xestión das persoas, a ecoloxía interna e a economía, neste último caso poñendo en valor as medidas anticorrupción postas en marcha nos últimos anos.

Como principais fitos dos anos analizados na memoria e que están relacionados coa sustentabilidade destacan a promoción do comportamento ético no desempeño profesional; achegar a administración universitaria e os seus servizos ao estudantado a través de accións como a creación da APP USC ou a actualización da sede electrónica; a aprobación do Plan Plurianual do Profesorado 2019-2022, o compromiso co Concello compostelán para a mellora da urbanización do Campus; a creación do HUB DATAlife para impulsar o valor de Galicia como bio-rexión europea de referencia; o potenciamento do uso da lingua galega en todos os ámbitos ou avanzar na igualdade e na sustentabilidade.

Igualdade e sustentabilidade
Como cuestións destacadas no ámbito da igualdade, a USC aprobou en 2021 o terceiro Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes na USC e elaborou un protocolo de actuación para os cambios de nome e de mención relativa ao sexo. Xa na área de sustentabilidade, traballouse na sistematización da reutilización de aparellos eléctricos e electrónicos e na optimización enerxética acadando una maior ecoeficiencia e a redución de emisións de CO2. 

No relativo a inclusión, comezouse una colaboración de asesoría con COGAMI para a mellorar a accesibilidade no conxunto do campus e celebrouse o VII Congreso Universidade e Cooperación ao Desenvolvemento, Coñecemento e Compromiso social ante os retos globais. É de salientar ademais a sinatura do compromiso coa Axenda 2030 por parte das tres Universidades galegas.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.03.2024.