Unha mostra en Fonseca pon en valor o labor anónimo das mulleres na industrialización do mar en Galicia
Malia que “é moi suxestivo” o título da mostra, ‘As mulleres e o mar’, esta en realidade busca poñer en valor o relevante papel das mulleres “no proceso máis duro de industrialización do mar”, explicaba este mércores na inauguración da exposición no Claustro Alto do Colexio de Fonseca a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández.
Murias lembrou que vimos dunha semana, a do Día Internacional das Mulleres, o 8 de marzo, na que se desenvolveron moitas actividades de visualización do rol das mulleres en distintos ámbitos, e incidiu en que iso “non quede nunha anécdota”, senón que accións similares deberían ter lugar todo o ano, como é o caso desta exposición organizada pola Fundación Juana de Vega.
A comisaria da exposición e directora da Cátedra Juana de Vega, a profesora Luisa Muñoz, subliñou que as protagonistas son “mulleres de clases populares, traballadoras anónimas”, que puxeron o seu esforzo “para que Galicia fora competitiva no exterior a través da industria da conserva de peixe”, que permitía “que as mulleres levaran o pan para a casa igual que os homes.
Pola súa banda, o xerente da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, afirmou que “esta exposición conecta de cheo cos obxectivos da Cátedra Juana de Vega, que ademais de estudar as iniciativas e os procesos modernizadores do agro galego, ten como misión facer visible o importante papel que as mulleres, de xeito case oculto e calado, desenvolveron ao longo da historia para favorecer o progreso económico e social da sociedade rural galega. Neste caso, no eido da cadea de valor do mar, compatibilizándoo co traballo agrario para mellorar o sustento económico familiar”.
A exposición inclúe varios paneis con forma de latas de conservas e un vídeo que recolle fragmentos da actividade na fábrica de Massó Hermanos a principios do século XX, e constitúe un tributo a todas aquelas mulleres traballadoras que desde o século XIX e ao longo do XX estiveron vencelladas estreitamente ao mar e as súas industrias, e é un relato colectivo de todas estas profesionais da pesca: redeiras, mariscadoras, regateiras ou conserveiras. Pode verse ata o 9 de abril no Colexio de Fonseca de luns a venres, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. A entrada é libre e de balde.