Pasar al contenido principal

A Asociación IV Ciclo Universitario do campus lugués organiza unha viaxe a Ribadumia e Padrón o vindeiro 11 de marzo

A inscrición está aberta ata o 3 de marzo nos teléfonos 660 419 917 e 982 23 15 76

A Asociación IV Ciclo Universitario do campus de Lugo organiza o vindeiro 11 de marzo unha viaxe pola Ruta das Camelias, que os levará ata Ribadumia e Padrón, onde poderán realizar visitas guiadas ao Pazo Quinteiro da Cruz e á Casa da Matanza, como tamén é coñecida a Casa-Museo de Rosalía de Castro.

As persoas interesadas en participar nesta excursión poderán formalizar a súa inscrición ou reserva de praza ata o 3 de marzo a través dos números de teléfono 660 419 917 ou 982 23 1576. As prazas para participar nesta viaxe de carácter cultural están limitadas a un máximo de 50. O prezo, que inclúe visitas guiadas, xantar e desprazamento en autobús, é de 35 euros para socios e de 42 euros para acompañantes.

O programa da viaxe organizada pola Asociación IV Ciclo Universitario do campus de Lugo esténdese en quenda de mañá e tarde. Daquela, o autobús partirá ás 8.30 horas do sábado 11 de marzo, da Avenida Ramón Ferreiro, diante da Facultade de Formación do Profesorado, cara a Ribadumia, onde, a partir das 11.30 horas, está prevista unha visita guiada ao Pazo Quinteiro da Cruz, exemplo de arquitectura de pazos do século XVIII que acubilla nos seus xardíns unha colección de camelias cuns 5.000 exemplares de 1.800 variedades diferentes.

Xa en quenda de tarde, esta expedición do IV Ciclo Universitario do campus de Lugo partirá cara a Casa-Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, onde se tributará unha particular homenaxe a esta escritora e poetisa galega coa lectura de textos da súa autoría.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.02.2017.