Pasar al contenido principal

Fondo pesar na USC polo pasamento do profesor Javier D’Ors Lois

Actualmente era profesor ad honorem na Facultade de Dereito
Actualmente era profesor ad honorem na Facultade de Dereito
Catedrático de Dereito Romano con 29 anos, actualmente era profesor ad honorem no Departamento de Dereito Común

A USC manifesta o seu fondo pesar polo pasamento do profesor Javier d’Ors Lois, docente do Departamento de Dereito Común, ámbito no que desenvolveu a súa vida académica e exerceu como catedrático e xa dende datas recentes como profesor ad honorem. Como lembran dende a propia Facultade de Dereito, era fillo do xurista catalán Álvaro d’Ors Pérez-Peix, tamén catedrático de Dereito Romano, e neto do filósofo Eugenio D’Ors de recoñecido prestixio mundial.

En 1977, con 29 anos accedeu á praza de catedrático na USC. Da súa autoría son innumerables publicacións científicas relativas aos temas máis diversos como fideicomisos, cuestións hereditarias ou lexislación municipal das cidades romanas, entre outras, ademais de ter sido profesor convidado e conferenciante en numerosas universidades.

“O Dereito Romano queda orfo co seu falecemento” aseguran dende o seu centro, no que o lembran como “un home de vocación, entusiasmo, traballo e honestidade intelectual, respectado e admirado por todos”. “Mestre de mestres, Javier d’Ors marcou varias xeracións de xuristas e académicos galegos”, engaden dende o equipo docente da Facultade. Como sinalan “non é esaxerado dicir que unha ampla lexión de xuíces, avogados, profesores e funcionarios son debedores dunha maneira de concibir e entender os fundamentos do Dereito privado”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.03.2024.