Pasar al contenido principal

A USC ofertará o vindeiro curso 4.640 prazas de novo ingreso en grao

A USC oferta o vindeiro curso 4.587 prazas de novo ingreso en grao. Foto: Santi Alvite
A USC oferta o vindeiro curso 4.587 prazas de novo ingreso en grao. Foto: Santi Alvite
O Consello de Goberno aprobou a proposta á que tamén se suman 136 para os dobres graos, 1.809 de mestrado universitario e outras 860 de programas de doutoramento

A USC ofertará o vindeiro curso académico 2024-25 un total de 4.640 prazas de novo acceso nas súas titulacións de Santiago e Lugo. Segundo o acordado no Consello de Goberno celebrado este xoves, a oferta inicial inclúe respecto do presente curso incrementos de prazas nos graos de Enxeñaría Informática (de 85 a 100), Empresa e Tecnoloxía (de 45 a 55), Historia (de 100 a 110), Xeografía e Ordenación do Territorio (de 50 a 55), Historia da Arte (de 88 a 90) e Enfermaría de Lugo (de 83 a 85).

A oferta de novas prazas en dobres graos ascende a un total de 136, incluíndo a proposta de incremento para as simultaneidades de Matemáticas e Enxeñaría Informática e de Física e Matemáticas, en ambas de 10 a 12 prazas de oferta total. Ademais, o Consello tamén aprobou a oferta de prazas en mestrado universitario, que ascenderá a 1.809, e en programa de doutoramento, con outras 860.

Acordo para a admisión no SUG
Por outra banda, deuse o visto bo ao acordo sobre os procedementos de admisión aos estudos de graos nas universidades públicas do Sistema Universitario Galego para o vindeiro curso académico. Esta normativa foi elaborada pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) e nela regúlase tanto as regras de funcionamento e procedementos de admisión como os criterios de valoración e a súa ponderación e baremos e as regras para establecer a orde de prelación na adxudicación de prazas das ensinanzas oficiais de Grao nas tres universidades.

Cátedra de Saúde ambiental
A especialización nos factores ambientais que teñen incidencia sobre a saúde da poboación é o obxecto da Cátedra de Saúde Ambiental cuxa creación vén de ser aprobada dada a necesidade de fomentar a investigación en saúde ambiental e na busca de sinerxías entre a Universidade e o Sergas, que se incorpora tamén á cátedra.

Sendo a Universidade de Santiago de Compostela referente estatal na investigación en Epidemioloxía e Saúde Publica, tanto no que atinxe a proxectos como a publicacións, a cátedra nace coa fin de aproveitar ese liderado universitario para promocionar, promover e mellorar a saúde da sociedade galega.

Entre as liñas de accións da cátedra figuran o estudo e a avaliación empírica do impacto en saúde da exposición da poboación galega aos factores ambientais con repercusión na saúde pública dentro do ámbito poboacional e laboral e identificar activamente novos riscos, factores emerxentes ou contaminantes ambientais que poidan implicar un risco para a saúde e propoñer a súa incorporación aos sistemas de vixilancia de saúde pública.

Outros asuntos
O órgano de goberno da USC deu ademais o seu visto bo á participación nun novo mestrado Interuniversitario en Materiais Avanzados, á modificación dos regulamentos de Réxime Interno dos recentemente creados institutos de Investigación de Humanidades e Psicoloxía así como ao cambio de denominación do Instituto de Acuicultura da USC, que pasa a chamarse Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha saúde Global (iARCUS) e á aprobación do seu novo regulamento de réxime interno.

Acordouse tamén recoñecer con horas de docencia práctica clínica a colaboración docente dos colaboradores e titores clínicos das Facultades de Medicina e Odontoloxía e de Enfermaría, para os únicos efectos da súa utilización nos procesos de acreditación a figuras de profesorado universitario.

O Consello de Goberno completou a sesión deste xoves coa aprobación de modificacións non substanciais nas memorias dos graos de Educación Infantil e Primaria, a adscrición dun científico do CSIC e a designación do representante do Consello de Goberno nos Institutos de Humanidades e de Psicoloxía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.03.2024.