Pasar al contenido principal

‘Plantando cara ao lume’ celebra o Día dos Bosques na serra do Xurés

Participantes na xornada do proxecto ApS 'Plantando cara ao lume', na serra do Xurés
Participantes na xornada do proxecto ApS 'Plantando cara ao lume', na serra do Xurés
O proxecto de Aprendizaxe e Servizo (ApS) coordinado polo catedrático da USC na EPS de Enxeñaría do Campus Terra Agustín Merino García, busca involucrar á cidadanía na problemática dos incendios, ademais de transferir coñecementos científicos e técnicos, a través de estratexias pedagóxicas orientadas á mocidade
Lugo, Santiago de Compostela

O proxecto de aprendizaxe e servizo (APS) ‘Plantando cara ao lume /Facing Fire Galicia’, coordinado polo catedrático na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra Agustín Merino e no que que tamén participan estudantes, investigadores e docentes doutras escolas e facultades da USC, celebra o Día dos Bosques na serra do Xurés, un enclave natural que se converterá durante dous días nunha escola viva de sensibilización ambiental e aprendizaxe das actuacións que cómpre desenvolver para evitar os lumes forestais e, no seu caso, para paliar os desastrosos efectos das lapas con accións de restauración.

A saída formativa programada desde a USC en colaboración co Colexio Muíños ao abeiro deste proxecto cita ata este sábado na serra ourensá unha nutrida comitiva estudantil, que acompañados de técnicos e investigadores, así como de estudantado universitario, propietarios, comuneiros e demais persoas interesadas na preservación e restauración ambiental, desenvolverán proxectos e experiencias, a través das que coñecerán os efectos dos lumes e tamén as posibilidades de recuperación das zonas de monte afectadas polas lapas.

A avaliación das tarefas de restauración en espazos queimados do monte veciñal de Piñoi e a posta en común dos resultados acadados ocupou as primeiras sesións destas xornadas de convivencia, no marco da que tamén se procedeu á toma de mostras de auga do encoro para a súa posterior análise. Todas estas accións buscan busca involucrar á cidadanía na problemática dos incendios, ademais de transferir coñecementos científicos e técnicos a través de estratexias pedagóxicas orientadas á mocidade, subliña Merino.

Alén das distintas accións previstas, as persoas que responderon a esta nova chamada do proxecto ApS ‘Plantado cara ao lume’, tamén tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man e en distintas charlas divulgativas o impacto que provocan os incendios forestais no solo, ademais de identificar as distintas especies vexetais, calcular os efectos económicos do lume e os custes derivados da restauración forestal, interpretar roteiros...

Logo dunha primeira xornada de inmersión no territorio, o programa do sábado contempla un roteiro guiado pola serra do Xurés. Ao longo deste itinerario, as persoas participantes poderán visualizar a recuperación das distintas especies tralos incendios de 2016, ademais de realizar unha visita á capela da Virxe do Xurés, na parroquia de Riocaldo.

As actividades deportivas e lúdicas completan o intenso programa deseñado ao abeiro do proxecto ApS ‘Plantando cara ao lume’ e co que tamén colaboran diversas entidades, tales como a Consellería de Medio Rural, WWF, e o Concello de Muíños e o Ceip e o club de piragüismo desta localidade.

O profesor Merino García explicou asemade que estudantes do grao en Xornalismo, coordinados polo docente Roi Méndez, aproveitaron esta experiencia para facer unha peza audiovisual de carácter divulgativo. O coordinador deste proxecto ApS lembrou tamén que ‘Plantando cara ao lume’ encádrase nun programa máis amplo no que toman parte unha decena de comunidades autónomas españolas, que tamén desenvolven accións formativas e de sensibilización nos seus respectivos territorios.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.03.2024.