O Campus Terra da USC avanza na mellora da xestión hídrica e agronómica do cultivo de variedades brancas de vide
O equipo de Fertirrego e Necesidades Hídricas dos Cultivos do grupo de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC traballa a prol da mellora da xestión hídrica e agronómica do cultivo de variedades brancas de vide, en aras a potenciar a súa competencia e tamén a sustentabilidade produtiva, cualitativa e medioambiental, no marco dun programa de investigación de carácter nacional, no que participan entidades e investigadores de Castela León (Itacyl), Estremadura (Intaex), Castela a Mancha (Fundescam), A Rioxa (ICVV-CSIC) , ademais da Misión Biolóxica de Galicia.
A implicación dos investigadores do campus lugués neste proxecto está ligada fundamentalmente ás accións desenvolvidas pola Misión Biolóxica de Galicia, segundo indicou o profesor e investigador do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Javier J. Cancela, quen apuntou que o traballo realizado polo equipo de investigación do Campus Terra da USC persigue obxectivos transversais e susceptibles de aplicacións prácticas por parte de todos e cada un das entidades representadas no proxecto.
Cancela explicou neste senso que a modelización do balance hídrico de auga no solo para as diferentes variedades de vide contempladas no proxecto (Verdejo, Tempranillo branco, Airén, Macabeo e Albariño), e a determinación dos compostos aromáticos de variedades brancas españolas baixo distintas prácticas de cultivo e condicións edafo-climáticas, son liñas de traballo de marcado carácter transversal.
A posta en común dos resultados acadados tralas primeiras investigacións realizadas ao abeiro deste proxecto e a definición de futuras liñas de traballo centra estes días no Campus Terra da USC a primeira reunión de traballo dos investigadores enrolados neste proxecto nacional, un foro que reúne uns 20 investigadores e que se prolongará ata este xoves na sede universitaria luguesa.
De esquerda a dereita, García, Bueno e Cancela, na apertura do foro no edificio Cactus