Pasar al contenido principal

A I Xeira CLARIAH-GAL xunta en Compostela os grupos galegos que investigan no eido das humanidades dixitais

O Validatón do 19 de marzo no ILG é un exemplo da importancia do uso das novas tecnoloxías na investigación en humanidades e ciencias sociais
O Validatón do 19 de marzo no ILG é un exemplo da importancia do uso das novas tecnoloxías na investigación en humanidades e ciencias sociais
As persoas interesadas en presentar pósters de proxectos relacionados coas liñas temáticas sobre as que xira o encontro poden enviar propostas ata o venres 5 de abril

A I Xeira CLARIAH-GAL, organizada polo Instituto da Lingua Galega (ILG), desenvolverase o xoves 2 de maio na Facultade de Filoloxía da USC tendo como meta presentar o nodo galego da rede CLARIAH-ES, conformado polo ILG e polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC. CLARIAH-ES é unha infraestrutura dixital de investigación distribuída que forma parte, pola súa vez, das infraestruturas europeas de investigación CLARIN -para o tratamento da linguaxe no eido da informática- e DARIAH -centrada no ensino e na investigación no ámbito das humanidades dixitais-.

Así, CLARIAH-GAL “pretende difundir as iniciativas de humanidades dixitais e de tecnoloxías lingüísticas para a investigación en humanidades e ciencias sociais emprendidas en Galicia”, segundo explican os investigadores do ILG Francisco Dubert e Xulio Sousa desde a organización do encontro. Ademais de conferencias e comunicacións por convite, durante o evento presentaranse pósters de proxectos, liñas de investigación, recursos ou grupos de investigación relacionados coas liñas temáticas da Xeira. Todas as persoas interesadas en enviar unha proposta de póster poden facelo ata o 5 de abril.

Dubert e Sousa explican que dentro do ámbito da Xeira entran campos como “literatura, historia da literatura, filosofía, historia, e ata procesamento da linguaxe de signos” e que o obxectivo é “poñer en contacto as persoas que usan a tecnoloxía para a investigación en humanidades e ciencias sociais para facilitar e optimizar o desenvolvemento de proxectos e compartir recursos dixitais”.

Todos os países da Unión Europea e mesmo algún externo como Suíza forman xa parte das redes CLARIN e DARIAH, que se enmarcan na estratexia da UE para crear foros para as infraestruturas de investigación. Entre os proxectos realizados co apoio destas infraestruturas europeas pódese citar ParlaMint, que se desenvolve no marco de CLARIN e cuxo obxectivo é a creación dun corpus de sesións parlamentarias multilingües comparables e homologadas; nel participa o consorcio español CLARIAH-ES, e a través del a Universidade de Santiago.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2024.