Pasar al contenido principal

Economistas da USC descobren un método que axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

A metodoloxía utilizada permitiu realizar unha diagnose en 15 especies.
A metodoloxía utilizada permitiu realizar unha diagnose en 15 especies.
Estiman que entre 2012 e 2020 houbo un número medio de 1.766,2 furtivos por ano e se extraeron furtivamente 660 toneladas de marisco

O Grupo de investigación de Economía Pesqueira (EcoPesca) do departamento de Economía Aplicada da USC vén de publicar unha investigación en Marine Policy na que establece un método que senta un precedente para a análise, presente e futura,  do furtivismo marisqueiro en Galicia. O artigo ‘Estimación das capturas ilegais en pesquerías de pequena escala con poucos datos: O furtivismo marisqueiro multiespecífico na pesca artesanal galega’ (Estimating illegal catches in data-poor S-fisheries: Insights from multispecies shellfish poaching in galician small scale fisheries) asínano Hugo M. Ballesteros, Gonzalo Rodríguez-Rodríguez e Eduardo Sánchez-Llamas.

A natureza opaca da pesca ilegal, non declarada e non regulamentada fai que os datos sobre capturas sexan escasos ou pouco fiables, o que dificulta a estimación do volume de pesca ilegal e do número de persoas que a practican. Para contrarrestar isto, os investigadores da USC utilizaron unha base de datos que permitiu adaptar un modelo estatístico e xerar un índice (CPUPE) que toma como principal input as sancións, única información oficialmente rexistrada sobre esta actividade.

A metodoloxía utilizada permitiu realizar unha diagnose multiespecie (15 especies) cun alcance “pouco común” na literatura sobre pesca furtiva en pesquerías de pequena escala, “que tenden a centrarse nunha ou poucas especies”.

Deste xeito, os investigadores puideron realizar a primeira estimación do volume de furtivismo en Galicia empregando información formalmente rexistrada: entre 2012 e 2020 deuse un número medio de 1.766,2 furtivos por ano e extraéronse furtivamente 660 toneladas de marisco, unha cifra que marca “un limiar mínimo, polo que as cifras reais das capturas ilegais poden ser considerablemente maiores”, explica Hugo M. Ballesteros.

Reincidencia e superfurtivos
Estas estimacións achegan datos que permiten analizar as tendencias da pesca ilegal, establecer liñas de base de avaliación e pór de manifesto posibles melloras na loita contra o furtivismo. Á vez, o estudo contribúe a abrir marcos comparativos que melloren as estimacións incorporando máis e mellores datos e poñan luz sobre a evolución de variables esenciais da actividade furtiva como as especies obxectivo ou a reincidencia.

A este respecto, os investigadores observaron a existencia de individuos cunha altísima reincidencia -superfurtivos-, sendo as especies máis afectadas a ameixa cunha reincidencia promedio do 4,89, o berberecho (3,66) e o percebe (2,50).

Tal e como apuntan os autores do estudo, as características contextuais do furtivismo local resultan fundamentais para combater o marisqueo ilegal e en especial os furtivos reincidentes. “Por unha banda están os que encaixarían na necesidade de aplicar medidas coercitivas severas, que son aqueles que operan de maneira profesional, que fixeron do furtivismo a súa forma de vida e a súa principal fonte de ingresos consolidada”. Estes furtivos, explican, “tenden a integrarse en redes de apoio, contar con cómplices, xeralmente familiares, que lles axudan a manterse á marxe da lei, actuando no seu nome para levar a cabo calquera tipo de actividade financeira, comprar bens ou contratar servizos”.

Mais tamén dentro dos furtivos reincidentes existen outros tipos motivados a practicar o furtivismo por falla de oportunidades, desemprego, desigualdade ou por atoparse en situacións de exclusión social. “Para eles -apunta Ballesteros-, as simples sancións coercitivas, que non pagan, poden terminar sendo contraproducentes”, polo que habería que estudar outras solucións.

Metodoloxía e dimensión do estudo
Aínda que as sancións son fundamentais para o cálculo de capturas ilegais, tan só ofrecen información dunha parte do furtivismo, o que é detectado e sancionado. Para cubrir esa fenda de información, os investigadores crearon outro índice a partir de 103 enquisas realizadas en 51 confrarías en Galicia respondidas na súa meirande parte por vixilantes, secretarios e membros da asistencia técnica. Complementaron a recollida de información analizando informes anuais de actividade de Gardacostas de Galicia e da Policía Autonómica.

En esencia, “o desafío de non ter datos foi abordado triangulando fontes de información, o que precisamente deu forma ao modelo estatístico que xera as estimacións sobre as cantidades de furtivismo en Galicia”, afirma.

De dereita a esquerda, Hugo M. Ballesteros, Gonzalo Rodríguez-Rodríguez e Eduardo Sánchez-Llamas
De dereita a esquerda, Hugo M. Ballesteros, Gonzalo Rodríguez-Rodríguez e Eduardo Sánchez-Llamas
Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2024.