Pasar al contenido principal

Abre o prazo da bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis

A IX edición da bolsa Nacho Mirás presentouse na USC. Foto. CPXG
A IX edición da bolsa Nacho Mirás presentouse na USC. Foto. CPXG
Organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e o patrocinio de Abanca, a bolsa ten unha dotación de 6.000 euros. A novena edición presentouse este luns na USC nun acto aberto pola vicedecana Alba Silva Rodríguez.

Dende hoxe e ata o 15 de xullo está aberto o prazo para presentarse á bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e o patrocinio de Abanca. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, destinada a promover proxectos xornalísticos de novos e novas tituladas en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual.

A novena edición da bolsa presentouse este luns na facultade compostelá nun acto aberto pola vicedecana, Alba Silva Rodríguez, quen destacou a figura de Nacho Mirás, un xornalista que deixou unha "fonda pegada" no centro e que loitou moito "polo espírito de facerse valer". Silva agradeceu ao Colexio de Xornalistas e a Abanca a continuidade da bolsa e deu os parabéns á ex alumna Cinthia Piñeiro por ser merecedora da bolsa na pasada edición.

A continuación, Ramón Mariño Pérez, director de Zona de Abanca en Santiago, lembrou que levan desde o ano 2016 colaborando con esta iniciativa, que representa "un apoio para os novos xornalistas nun momento clave das vosas vidas". Mariño salientou o interese de "apostar polo emprendemento" e a contribución que os proxectos gañadores fan ao ecosistema mediático galego, ademais de manter vivo o legado de Nacho Mirás. Ademais, confirmou a entidade que vai seguir colaborando coa mesma. 

Finalmente, Xaime Leiro, da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, asegurou que esta iniciativa é "moi querida" polo CPXG porque leva o nome de Nacho Mirás, “un exemplo a seguir que fixo o indicible por dignificar a profesión", mais tamén por estar centrado nas novas xeracións, que marcarán "o que será o futuro dos medios de comunicación nos próximos anos". Leiro lembrou que a bolsa tamén acepta o desenvolvemento de proxectos presentados como traballo de grao ou de máster. 

‘Quen son elas?’

Quen son elas?, de Cinthia Piñeiro Acevedo, foi o proxecto gañador da anterior edición. Un programa radiofónico en formato podcast que pretende abrir un espazo de difusión aos deportes minoritarios e minorizados en Galicia, mais tamén o de ter a ollada posta na perspectiva de xénero. Cada programa estará formado por unha entrevista a deportistas ou persoas con cargos vinculantes no deporte, acompañada de dúas seccións secundarias que se irán alternando con outras.

Piñeiro Acevedo agradeceu no acto a oportunidade para pór en marcha este proxecto que naceu para un traballo fin de grao como unha reportaxe "e agora, grazas á Bolsa Nacho Mirás, puiden enfocalo co medio de comunicación que me apaixona: a radio". O obxectivo de Quen son elas?, asegurou, “é triple: dar cobertura a todas as disciplinas deportivas por igual, atender á perspectiva de xénero e poñer o foco na nosa comunidade autónoma".

A bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis

Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2024, 2023, 2022, 2021 ou 2020) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida.

As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas [at] xornalistas.gal (xornalistas[at]xornalistas[dot]gal) a documentación que se especifica nas bases da convocatoria. Valoraranse todas aquelas características que o xurado considere que poidan destacar para un proxecto xornalístico, tendo en conta tamén a orixinalidade, que poida supor unha solución profesional e teña viabilidade futuro, a calidade do proxecto, o seu impacto social, que se materialice en galego e pertencer ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

O xurado que avaliará os traballos presentados estará formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela. O fallo do xurado darase a coñecer nas semanas seguintes á data límite de recepción de propostas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.04.2024.