Pasar al contenido principal

Os Encontros de Lúa Chea chegan ao seu décimo aniversario cun coloquio sobre a pornificación da cultura e os seus efectos

A sesión é de acceso libre e está aberta á participación de todos os públicos
A sesión é de acceso libre e está aberta á participación de todos os públicos
A profesora Mar Pérez Fra modera este xoves, ás 19.30 horas, na cafetería da EPS de Enxeñaría, un coloquio no que Lorena Añón, Noa Lombao e Sofía Pérez afondarán no concepto de pornificación e o seu impacto na sociedade.
Lugo

Os Encontros de Lúa Chea, un ciclo divulgativo promovido desde o colectivo Proxéctate en Galego para debater en sesións informais sobre contidos académicos transversais de interese xeral ou de actualidade universitaria chegan este xoves 4 de abril, a partir das 19.30 horas, na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, ao seu décimo aniversario co coloquio ‘A pornificación da cultura na actualidade’.

A profesora e presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da EPSE, Mar Pérez Fra, será a encargada de moderar este debate, promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, e no marco da que intervirán como relatoras Lorena Añón, Noa Lombao e Sofía Pérez.

Nas súas intervencións, as relatoras convidadas describirán o concepto de pornificación, ademais de abordar o seu impacto na infancia, na adolescencia e nas familias, para logo abrir o debate á participación do público asistente, que terá a oportunidade de preguntar, opinar ou expoñer as súas experiencias.

A profesora da USC especializada en estudos feministas e de xénero Lorena Añón abrirá a palestra de intervencións. De seguido, a educadora social de Aliad Ultreia Noa Lombao falará da súa experiencia laboral, mentres que a alumna da USC Sofía Pérez, que pescuda sobre como este fenómeno afecta á socialización da infancia e da mocidade, dará conta dos estudos realizados ao respecto.

A temática de debate escollida para esta sesión dos Encontros de Lúa Chea trata de dar resposta ou, cando menos, explicacións respecto da progresiva incorporación a outras manifestacións culturais dos imaxinarios tradicionais ligados coa pornografía, tal e como se pode observar na moda, cine, publicidade, música, deporte, videoxogos..., ámbitos nos que se atopan xa se atopan perfectamente naturalizadas situacións estéticas, imaxes, posturas... que non hai moito tempo se consideraban propias da pornografía.

A xeneralización deste fenómeno, coñecido como pornificación cultural, está a provocar que o pornográfico colonice e se naturalice en novos ámbitos das nosas vidas e relacións, o que, á súa vez, fai que o sexo se vexa cada vez máis coa mirada da pornografía, unha mirada patriarcal baseada en cousificar e deshumanizar as mulleres.

A nova sesión dos Encontros de Lúa Chea, un ciclo divulgativo sobre temas de actualidade que botou a andar en 2015, permitirá asemade achegarse ás implicacións políticas dun fenómeno que opera, subliñan, como ferramenta para manter estruturas de poder, perpetuar as desigualdades de xénero na sociedade e a violencia sexual contra as mulleres.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.04.2024.