Daniel Mena recolle o VIII Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán
O doutor en Historia Moderna pola Universidade de Santiago de Compostela Daniel Mena Acevedo recolleu este mércores na sede da Real Sociedade Económica de Amigos do País (RSEAPS) o Premio Domingo Fontán de investigación histórica. O acto de entrega do galardón presidiuno o reitor da USC, Antonio López, e nel interviñeron ademais a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández Lafuente, e o presidente da RSEAPS, Francisco Loimil Garrido, todos eles principais representantes das entidades organizadoras.
Do traballo gañador, titulado ‘Casas de señores. As elites e as súas residencias en Santiago de Compostela a finais da Idade Moderna’, o xurado recoñeceu a súa “rigorosidade científica, así como o amplo coñecemento demostrado do tema urbano e arquitectónico desenvolvido nesa etapa histórica na capital galega”. Así mesmo, valorouse a ampla bibliografía específica consultada, entre ela varios arquivos históricos como o propio da RSEAPS.
O gañador
Mena Acevedo é graduado en Historia e mestrado universitario en Profesorado de Educación Secundaria pola Universidade de Santiago, ambos os dous con Premio Extraordinario. Realizou estadías de investigación na Universidades da Sorbona (Francia) baixo a supervisión de François-Joseph Ruggiu e na Nacional da Prata (Arxentina) con Víctor Osvaldo Pereyra.
O premiado obtivo o doutoramento en Historia Moderna coas mencións cum laude e doutoramento internacional coa súa tese ‘Ámbito doméstico e condicións de vida das elites do noroeste peninsular a finais do Antigo Réxime’, que realizou baixo a dirección de Ofelia Rey Castelao e Pegerto Saavedra Fernández.
Mena participa en proxectos de investigación nacionais e internacionais como o ‘Rebellion and Resistance in the Iberian Empires, 16th-19th centuries’ ou o ‘Ciudades y villas atlánticas del Noroeste Ibérico: gobernanza y resistencias en la Edad Moderna’.
Algúns resultados das súas investigacións presentounos en encontros internacionais organizados por institucións como o University College London, l’École des Hautes Études en Sciences Sociales, o Colexio de España en París, a Associazione Italiana di Storia Urbana, a Universidade do Minho, a Universidade Nacional da Prata, a Universidade Nacional de San Martín e a Fundación Española de Historia Moderna, entre outras. Ten ademais publicado en diversas revistas científicas como Erasmo. Revista de Historia Bajomedieval y Moderna, Magallánica. Revista de Historia Moderna ou Cadernos de Estudos Galegos.
Premio Domingo Fontán
O Domingo Fontán, galardón bienal que chegou xa á súa oitava edición, está dotado cun premio en metálico de 2.000 euros, un diploma acreditativo e a publicación da obra elixida e a súa posterior presentación. No acto de entrega do galardón presentouse xa a novena edición deste recoñecemento.