Pasar al contenido principal

A Administración ‘recruta’ enxeñeiros agrónomos no Campus Terra da USC

Joana Castro e Irene Suárez, na sesión informativa con alumnado da EPS de Enxeñaría
Joana Castro e Irene Suárez, na sesión informativa con alumnado da EPS de Enxeñaría
O Corpo de Enxeñeiros Agrónomos do Estado ofrece un amplo abano de saídas profesionais para as persoas tituladas na EPS de Enxeñaría, a pesar de que apenas cubre un terzo das prazas de emprego público ofertadas nos últimos anos, subliñan a directora do Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal, Irene Suárez, e Joana Castro, funcionaria na Xerencia Territorial do Catastro en Lugo
Lugo

A Administración ofrece un amplo abano de saídas profesionais para as persoas tituladas en enxeñarías agronómicas, segundo puxeron de manifesto a directora do Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal, Irene Suárez, e Joana Castro, funcionaria na Xerencia Territorial do Catastro en Lugo, nunha sesión informativa celebrada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, no marco da que animaron ao estudantado de grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e do Máster Universitario en Enxeñaría Agronómica a contemplar a función pública como alternativa para a súa inserción laboral.

O Corpo de Enxeñeiros Agrónomos do Estado, unha sección especial da Administración nada en 1855 de xeito parello á profesión antóllase na actualidade como un atractivo nicho de emprego para as persoas tituladas en enxeñarías agronómicas, tal e como subliñaron estas funcionarias, que lembraron que nos últimos anos as administracións públicas apenas están a cubrir un terzo das prazas ofertadas.

A diversidade das saídas laborais e campos de traballo que ofrece o Corpo de Enxeñeiros Agrónomos do Estado, cuxo cometido se centra nos sectores agrario e pesqueiro e abrangue tarefas diversas que van desde a produción agroalimentaria, o desenvolvemento da súa industria, o seguimento e control da cadea alimentaria, as infraestruturas agrarias até, entre outras, a ordenación do territorio, xunto coa obrigada remuda xeracional por mor das xubilacións, reforzan o atractivo e multiplican as oportunidades de emprego que ofrece actualmente a Administración para as persoas tituladas en enxeñarías agronómicas.

A directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, Rosa Romero, salientou a boa acollida que tivo esta acción informativa entre o alumnado, que, a través dos testemuños de Suárez e Castro, comprobou as múltiples contribucións que pode facer a enxeñería agronómica desde a Administración, un abano de actividades que vai desde a promoción e conservación do medio natural, a loita contra o cambio climático, innovación na industria agroalimentaria e, por extensión, no medio rural, producións e mercados agrícolas e gandeiros, sanidade e hixiene vexetal e forestal, control de fitosanitarios en fronteiras, economía e estatísticas agroalimentarias, laboratorio, catastro e valoración agraria...

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.04.2024.