Pasar al contenido principal

A eclipse solar poderá verse en Galicia entre as 21 e as 21.10 horas

Recreación da eclipse que poderá observarse dende Galicia. Foto: OAN
Recreación da eclipse que poderá observarse dende Galicia. Foto: OAN
A eclipse aquí será parcial cunha magnitude moi baixa

A eclipse solar que terá lugar este luns poderá verse dende Galicia, se as condicións meteorolóxicas o permiten, no intervalo entre as 21 e as 21.10 horas. Segundo explican dende o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, en España a eclipse será parcial cunha magnitude moi baixa, “e só poderá verse, en comprometidas circunstancias, sobre todo na Galicia atlántica e nas Illas Canarias”.

Ao comezar en Galicia a eclipse parcial practicamente no solpor, dende os lugares máis ao oeste apenas se verá nuns nove minutos unha lixeira "mordedura" da Lúa na parte inferior dereita do disco solar, explica o catedrático emérito de Astronomía, José Ángel Docobo. Xa canto máis ao interior, a magnitude da eclipse ira diminuíndo ata facerse inapreciable.

A eclipse solar de hoxe verase como total nunha franxa que se estende dende o Océano Pacífico, México, Estados Unidos e Canadá ata o Océano Atlántico. Dita franxa terá unha anchura duns 200 quilómetros e a ambos lados dela a eclipse será parcial. A duración da totalidade vai ir variando segundo a eclipse teña lugar, sendo máxima nun lugar de México con case catro minutos e medio.

Precaucións
Para observar a eclipse haberá que situarse en lugares elevados que permitan ver o Sol ata a súa desaparición polo horizonte e o máis seguro para aprecialo é facelo proxectando a imaxe solar sobre un cartón.

Dende o Observatorio advirten que hai que ter a precaución de non mirar directamente ao sol, nin a través de gafas normais nin empregando radiografías nin instrumentos ópticos como prismáticos ou telescopios. “O mais recomendable é o uso de gafas especiais para eclipses ou, no seu defecto, un cristal de soldadura da máxima protección dentro da súa gama”.

Próximas eclipses solares
Nos vindeiros anos na Península Ibérica terán lugar máis eclipses solares. Así, o 29 de marzo de 2025 haberá unha parcial; o 12 de agosto de 2026 unha total na parte setentrional e oriental de Galicia e norte de España; o 2 de agosto de 2027 unha total no extremo sur da Península e parcial en Galicia e, finalmente, o 26 de xaneiro de 2028 unha anelar nunha franxa entre o suroeste e leste español que será parcial en Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.04.2024.