Pasar al contenido principal

Educación, formación e información son recursos que melloran a capacidade de coidado persoal, salienta un foro de Enfermaría

O enfermerio Jesús Bujalance, na súa intervención nas XXVII Xornadas da Escola Universitaria de Enfermaría, no HULA
O enfermerio Jesús Bujalance, na súa intervención nas XXVII Xornadas da Escola Universitaria de Enfermaría, no HULA
As XXVII Xornadas da Escola Universitaria de Enfermaría ‘Usuarios e profesionais traballando xuntos’ reúnen até este mércores no HULA máis de 300 participantes
Lugo

A educación, a formación de calidade e a educación dos pacientes son recursos que axudan a mellorar a capacidade para os coidados persoais e a responsabilidade para exercer este labor, ao tempo que reporta confianza e mellora o autocoñecemento das persoas, segundo sinalou este martes no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) a directora da Escola Universitaria de Enfermaría do Campus de Lugo da USC, Pilar Penela Puga, na apertura das XXVII Xornadas de Enfermaría ‘Usuarios e profesionais traballando xuntos’, un foro monográfico que reúne ata mañá no centro hospitalario lugués máis de 300 participantes, entre alumnado, docentes e profesionais e en exercicio.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, abriu estas xornadas nun acto no que tamén interviñeron o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares; a directora Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria do Sergas, Sofía López Linares; a directora de Enfermaría da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, María Jesús Pérez Taboada, e a presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello.

Unha vez rematada a quenda de intervencións, o enfermeiro da área de xestión de coidados do Hospital Rexional Universitario de Málaga Jesús Bujalance Hoyos abriu a palestra de relatorios coa charla ‘Revolucionando o coidado: Innovación e evidencia como motores do cambio en Enfermaría’. A presenza de profesionais do ámbito da enfermaría en postos de responsabilidade e liderado para dar voz a unha profesión chamada a participar plenamente e colaborar activamente en todos os foros de goberno e xestión das nosas institucións, centrou outra das mesas de debate programadas en sesión matinal.

O programa das xornadas en quenda de tarde deu cabida á presentación, por parte do alumnado, dalgúns dos mellores Traballos de Fin de Grao presentados o pasado curso, ao tempo que posibilitou a celebración dun coloquio no marco do que distintos relatores deron conta das súas experiencias e opinións respecto dos obradoiros interdisciplinares con enfoque inclusivo nos que participou a Área de Voluntariado da USC e a asociación Down Lugo e que favorecen a participación social e as relacións interpersoais dentro do ámbito universitario. As xornadas chegan este mércores ao seu colofón cunha nova palestra de presentacións de traballos e estudos realizados por estudantes e profesionais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.04.2024.