Pasar al contenido principal

Julia González reivindica como “prioridade indiscutible” a formación de calidade para o estudantado da ETSE

Julia González Álvarez renovou o cargo de directora da ETSE. FOTO: Santi Alvite
Julia González Álvarez renovou o cargo de directora da ETSE. FOTO: Santi Alvite
A profesora tomou posesión do seu cargo como directora do centro tras resultar reelixida nos comicios que tiveron lugar a principios de ano

“A formación de calidade para o noso estudantado é unha prioridade indiscutible polo que nos esforzaremos por ofertar títulos actualizados e relevantes que preparen o noso estudantado para os desafíos do mundo real, para o que é esencial a súa implicación e participación co centro”. Con esta idea como guía renovou este mércores o seu cargo como directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) Julia González Álvarez. Nun acto presidido polo reitor da USC Antonio López e ao que tamén asistiu a secretaria xeral da USC Dulce María García Mella, a directora comprometeuse “a mellorar os servizos que ofrecemos, desde as instalacións ata o equipamento docente, para crear unha contorna que potencie a aprendizaxe. Tamén traballaremos para proporcionar recursos e apoio ao persoal, recoñecendo o papel fundamental que desempeña no desenvolvemento da nosa Escola”.

Na súa intervención, o reitor Antonio López sinalou que as liñas estratéxicas mencionadas pola directora entroncan con moitos dos aspectos que caracterizan a esta Escola, á que se referiu como un centro que está ao día en canto a unha oferta docente, en permanente actualización, para atender as demandas da sociedade en materia de formación. Neste senso, agradeceu a “xenerosidade e axilidade” da Escola na posta en marcha dos estudos en Intelixencia Artificial. A ETSE é un centro cun compromiso decidido pola calidade, afirmou, “facendo as cousas ben e acreditando o ben que se fai”, de xeito que resulta exemplar.

No equipo de dirección da ETSE acompañan a Julia González como subdirectores Óscar Rodríguez Figueiras, que repite no cargo, e Juan Carlos Vidal Aguiar. Como secretaria do centro figura Nelly Condori Fernández. A directora manifestou que “o compromiso do meu equipo é construír un futuro brillante para a ETSE aproveitando a experiencia acumulada. Comprometémonos a abordar cada desafío con ilusión e determinación buscando solucións que impulsen o crecemento da nosa escola”. As accións que contemplan desenvolver nos próximos catro anos “están destinadas a asegurar que a escola siga sendo un centro  líder en educación e investigación no ámbito da enxeñería”.

Entre os nosos logros máis destacados nos últimos catro anos, Julia González mencionou “a obtención da mención de excelencia por parte da Xunta de Galicia para tres dos nosos másteres: Enxeñería Ambiental no 2020, Computación de Altas Prestacións no 2022 e Enxeñería Química e Bioprocesos no 2023, o que nos converte no centro da USC con máis mencións, e estamos entre os máis recoñecidos a nivel do Sistema Universitario Galego”. Así mesmo, lembrou, “fomos recoñecidos pola nosa universidade co Recoñecemento de Boas Prácticas de Calidade nos anos 2020, 2021 e 2022, e recibimos un dos oito Recoñecementos á Innovación Docente a centros da USC polo labor desenvolvido nos anos 2020 a 2022, precisamente nun período cheo de limitacións para todos e todas pola COVID”.

Traxectoria
Julia González Álvarez é profesora do departamento de Enxeñaría Química dende 1998. Coordina o grupo de investigación Intensificación de procesos para un desenvolvemento sostible (PROSUST) e actualmente a súa investigación céntrase na recuperación de metais escasos e valiosos de residuos electrónicos e na separación de contaminantes industriais de efluentes líquidos e gasosos empregando carbóns activados derivados de biomasa residual industrial así como de copolímeros de bloque. Conta con cerca de 80 artigos en revistas internacionais recollidas no JCR e oito teses de doutoramento dirixidas, e ten participado como investigadora principal en seis proxectos de investigación así como en máis de vinte contratos con empresas. É editora asociada da revista Industrial Crops and Products dende 2012. Dende 2013 ata 2020 foi coordinadora do mestrado en Enxeñaría Química Química e Bioprocesos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.04.2024.