Pasar al contenido principal

XuvenCiencia súmase ao Día Internacional das Universidades para a Infancia coa convocatoria do seu campus de verán

Obradoiro de ferramentas de produción vexetal con escolares, no CPI de Friol
Obradoiro de ferramentas de produción vexetal con escolares, no CPI de Friol
O grupo de innovación docente da USC ofrece 95 prazas para estudantes de ESO e Bacharelato na duodécima edición do campus científico estival XuvenCiencia, que se desenvolverá na sede universitaria luguesa do 30 de xuño ao 6 de xullo
Lugo

O grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia, un colectivo coordinado pola catedrática Mercedes Novo e que desde os seus comezos forma parte da Rede Europea das Universidades para a Infancia (eucu.net), promove a celebración do Día Internacional da Infancia coa convocatoria da duodécima edición do campus científico de verán XuvenCiencia, que se desenvolverá do 30 de xuño ao 6 de xullo na sede universitaria luguesa. O grupo de innovación do docente asentado no Campus Terra da USC aproveita así o anuncio da súa actividade máis recoñecible para instaurar a conmemoración desta efeméride cada 11 de abril.

O campus estival de convivencia e divulgación científica entre a mocidade impulsado hai xa máis dunha década desde o grupo XuvenCiencia gozou desde os seus comezos do apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Grazas a actividades como esta iniciativa, sinala a Mercedes Novo, crianzas e adolescentes irrompen nas facultades e centros universitarios de todo o mundo cunha morea de preguntas e inzados de curiosidade, á espreita de poder coñeceren, tocaren e experimentaren nos laboratorios e aulas onde traballan os/as investigadoras que realizan os descubrimentos que moven o mundo.

O éxito acumulado ao abeiro desta experiencia ao longo destes anos impulsa ao grupo XuvenCiencia, así como ao resto de entidades consorciadas na rede eucu.net a establecer unha data para celebrar esta fascinación polo coñecemento na infancia, a fin de que o calendario dispoña dunha xornada que poida servir para prender a faísca que abra o camiño cara a unha carreira futura e cara a unha vida adulta con máis recursos e saberes, “un logro merecente de celebración pública internacional”, subliñan.

Deste xeito, XuvenCiencia asume como propia a mensaxe a través a que a Rede Europea das Universidades para a Infancia constata a certeza de que “o acceso sen trabas á ciencia e á investigación nunha idade temperá é máis necesario ca nunca”, un dos motivos polos que se demanda “máis igualdade de oportunidades para o futuro da nosa infancia e adolescencia”.

As universidades para a infancia asumen a súa responsabilidade social e comunitaria  e realizan unha importante achega nos eidos da educación e da ciencia. O grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia, que é a única entidade galega e de todo o Estado español que forma parte da EUCU.NET, unha organización integrada por case oitenta centros de investigación e universidades de todo o mundo, desde Islandia a Exipto, Canadá, Brasil ou Australia, e que ten unha especial pegada en países do centro e do norte de Europa, contribúe á tarefa da difusión da ciencia e do coñecemento con proxectos, entre outros, como Ciencia á Feira.

Esta iniciativa, financiada tamén pola FECYT, posibilitará que persoal investigador de XuvenCiencia visite este cuadrimestre centros educativos —desde Infantil ata Bacharelato) dos municipios de Burela (26 de abril), Navia de Suarna (29 de abril), Muras (9 de maio), Mondoñedo (16 de maio) e A Pobra do Brollón (11 de xuño), nos que presentará ferramentas de produción vexetal como as micorrizas ou os (microenxertos). Esta actividade divulgativa, que arrancou a comezos de abril no CPI de Friol, chegará tamén en forma de obradoiros á poboación adulta nos mercados e nas feiras dos concellos anteriormente citados.

 
Preinscrición campus XuvenCiencia

O prazo para preinscribirse e reservar unha praza na próxima edición do campamento científico XuvenCiencia, que nestes anos ten recibido xa milleiros de mozos/as de toda Galicia, España e Portugal, abre o venres 3 de maio, ás 15.30 horas, na web de XuvenCiencia (https://xuvenciencia.org/campus/gl/).

O XII Campus de Verán XuvenCiencia ofrece 95 prazas para alumnado de terceiro e cuarto da ESO, BAC e ciclos medios de Formación Profesional, en réxime de pensión completa con aloxamento en residencias universitarias. O alumnado poderá iniciarse na investigación, tanto nos eidos das ciencias naturais e da saúde, como nos da enxeñaría, as ciencias sociais e as humanidades.

 

Cartaz anunciador do Campus de Verán XuvenCiencia 2024
Cartaz anunciador do Campus de Verán XuvenCiencia 2024
Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.04.2024.