Pasar al contenido principal

Ovica recibe o XVII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

A presidenta de Ovica, María do Carmen Fernández Carreira, tras recoller o XVII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
A presidenta de Ovica, María do Carmen Fernández Carreira, tras recoller o XVII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
A presidenta da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia, Mª do Carmen Fernández Carreira recolle en Veterinaria o galardón, dotado con 10.000 euros

A Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) recibiu este venres o XVII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado polo grupo empresarial Aresa e a USC, que nesta súa décimo sétima edición fai fincapé no gran labor de Ovica á hora de loitar contra o despoboamento do rural, ademais de incidir no feito de que a produción de carne de ovino e de caprino desenvolvida polos criadores agromados en Ovica responde a un proceso que permite tanto o aproveitamento de recursos naturais como a conservación de espazos naturais.

A presidenta de Ovica, María do Carmen Fernández Carreira, foi a encargada de recoller o galardón, dotado con 10.000 euros en metálico e placa conmemorativa, no transcurso dunha cerimonia presidida polo reitor da USC, Juan Viaño, e o fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras. O profesor de Economía Agraria na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC Francisco Sineiro ofreceu nesta sesión o relatorio ‘O sector lácteo galego no mercado global’. O xurado encargado de fallar o XVII Premio Aresa, integrado polo reitor da USC, Juan Viaño Rey; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o vicerreitor de Innovación e Transferencia do Campus de Excelencia de Córdoba, Enrique Quesada Morada; o conselleiro delegado de Calfensa, José Ramón Panete Fernández, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, tivo en conta na concesión deste premio os obxectivos e a inserción des Ovica no contexto gandeiro e forestal da rexión. A actividade sostida de Ovica nun entorno de especial significado para Galicia, nun sector difícil como é a cría e explotación do gando ovino e caprino, a implicación da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia en proxectos e accións de I+D+i, constitúen algúns dos elementos valorados polo xurado do XVII Premio Aresa, que co seu fallo tamén recoñece o traballo de Ovica, “unha asociación que medrou confiando nos recursos da terra”, sinalou Viaño. O reitor da USC remarcou a capacidade integradora de Ovica por reunir a 174 socios gandeiros, aos que garante unha excelente prestación de servizos especializados como a solicitude de axudas en común, apoio técnico e profesional, asesoramento, formación... Juan Viaño fixo especial fincapé no compromiso desta asociación coa innovación tecnolóxica, como o proban as súas colaboracións en proxectos de investigación co Campus Terra da USC e co Centro Tecnolóxico da Carne. Tamén destacou o labor de formación continua de Ovica coa organización de xornadas técnicas e co acollemento de estudantes universitarios para a realización de prácticas durante os seu estudos. O voceiro de Ovica, Diego Fernández, Diego Fernández González, agradeceu a concesión deste galardón, un recoñecemento que “fai posible que o noso sector sexa hoxe un pouco máis visible” . Fernández González lembrou aos 13 fundadores que en 1994 impulsaron a asociación como piares fundamentais de todo o camiño percorrido e adiantou algúns dos principais obxectivos polos que apostarán no futuro. Neste senso, sinalou “a necesidade de mellorar a formación das novas xeracións para obter cordeiros, cabritos e las da mellor calidade a través da creación dunha escola de pastores en Galicia e regulando a docencia para obter o carné profesional de esquilador de ovellas”. A aposta pola marca de produción e distribución Pastores de Galicia como elemento identificatio e dierencial no mercado como merecemos é outro dos retos, dixo. Representantes da vida política, social e académica A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Álvaro Santos; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro; o secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a secretaria da Mesa do Parlamento de Galicia, Raquel Arias; o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois; os senadores do PP por Lugo José Manuel Barreiro e Fernando Carlos Rodríguez, os deputados provinciais Sonsoles López Izquierdo e Lino Rodríguez Ónega, concelleiros e outros representantes políticos municipais. A presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro; o presidente da Audiencia Provincial de Lugo, José Antonio Varela Agrelo; o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela López; os presidentes dos colexios de veterinarios e aparelladores, Ana María López e Antonio Javier Núñez; Blanca de Cora e Luis García Santalla, do Consello Social da USC, así como unha nutrida representación académica, na que estaban o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, ademais de decanos e directores de centros do campus de Lugo. Traxectoria e premiados O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural é un galardón cun recoñecido prestixio no sector e en cuxo palmarés figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos da USC(2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia 'O Agro-Labranza' (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), a queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DO Queixo San Simón da Costa (2014) e Agroamb (2015). Asistentes á gala de entrega do XVII Premio Aresa no auditorio de Veterinaria Francisco Sineiro, nun intre da conferencia sobre o sector leiteiro galego José Ramón Panete, Álvaro Rodríguez, Juan Viaño e José Manuel Balseiro, antes do comezo do acto

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.02.2017.