Pasar al contenido principal

A USC co organiza un foro de debate sobre os retos de xestión e financiamento das universidades

O foro leva por título ‘Xestión, financiamento e rendición de contas’. Foto: Santi Alvite
O foro leva por título ‘Xestión, financiamento e rendición de contas’. Foto: Santi Alvite
O encontro desenvólvese en liña coa participación de máximos responsables das universidades do Estado

A USC e a Fundación FIASEP organizan este xoves e o venres o I Foro de Universidades ‘Xestión, financiamento e rendición de contas’, que se desenvolve en liña coa participación de responsables universitarios de xerencias, consellos sociais, unidades de control interno, servizos económicos e financeiros e departamentos dos órganos de control externo das universidades do Estado.

O Foro persegue instaurar un espazo de reflexión acerca dos retos aos que se enfronta a Universidade española do s. XXI reflectidos na nova Lei Orgánica 2/2023 do Sistema Universitario como son a boa gobernanza, potenciar o talento creativo, innovador e emprendedor, así como a transferencia de coñecemento que xere un maior potencial de transformación do sector produtivo e social e asegure deste xeito a calidade das institucións académicas.

O escenario socioeconómico actual converte o financiamento do sistema universitario nunha das pedras angulares para o bo funcionamento da universidade española, o que supón fomentar a transparencia no uso e xestión dos recursos coa fin de mellorar a rendición de contas co desenvolvemento de novas ferramentas que permitan manter o compromiso das universidades coa excelencia, a transparencia e a responsabilidade social.

O encontro inaugurouno este xoves o secretario xeral de Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, José Manuel Pingarrón, e a continuación o reitor compostelán, Antonio López, participou na mesa de debate ‘Xestión e rendición de contas na nova LOSUE’ xunto co presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, Antonio Abril, e o xerente da Universidade de Alcalá, Luis Medeiro Oslé.

O programa deste primeiro foro de universidades contempla tres temas de discusión no que participan representantes do tecido universitario do Estado. Así, tratarán a cuestión dos medios propios e a internalización de servizos -coa intervención como relator do xerente da USC, Javier Ferreira-, a contabilidade analítica – coa participación de Pilar Martínez García, vicexerenta da USC-, e finalmente o financiamento das universidades.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.04.2024.