Pasar al contenido principal

O claustro alto de Fonseca acolle a mostra ‘Tras as nubes’, de Edmundo Paz

Permanecerá aberta ata o 12 de xuño. Foto: Santi Alvite
Permanecerá aberta ata o 12 de xuño. Foto: Santi Alvite
Permanecerá aberta ata o 12 de xuño

O artista Edmundo Paz inaugurou este venres xunto coa vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, a súa exposición 'Tras as nubes', que permanecerá aberta ata o 12 de xuño no Claustro Alto do Colexio de Fonseca de luns a venres de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas. A entrada é aberta e de balde.

A mostra componse de 30 pezas pictóricas organizadas en tres series nas que a cor e as texturas son a nota predominante. O artista emprega ademais nalgunha das pezas  materiais a modo de lenzo como bolsas de papel, o que lle confire á obra unha orixinalidade e valor engadidas.

O autor
Edmundo Paz (Brasilia, Brasil, 1961) reside en Arcade, Pontevedra, e a súa actividade artística cobra forza a finais dos anos 80 cunha linguaxe conceptual e abstracta que foi avanzando co tempo pero sempre coa paisaxe como referencia.

Entre as súas mostras individuais destacan as desenvolvidas na Sala de Arte de Caixavigo en 1994; Rivas Briones, de Villagarcía, 2012; ou a Casa das Artes de Vigo, 2018. Galardoado en varias ocasións, faise co primeiro premio de pintura Eixo Atlántico, ao que hai que sumar outros na modalidade fotográfica, disciplina na que tamén é un artista salientable.

"... O continuo proceso que evidencia a vida e os desexos de Edmundo, que non é moi diferente da recondución da subxectividade e da autorreflexividade da que nos fala Saúl Ostow, cando quere implicar estes conceptos no corazón das preocupacións do que asumiu a pintura abstracta como linguaxe ideal despois da súa resurrección postformalista nos noventa, afastándose, iso si, da imaxe historicista ou da súa simple obxectualidade, aínda que para iso teña que acentuar a relación entre a consciencia e a experiencia. E a través da metáfora ou de calquera tropo usual da linguaxe, que non é senón o xesto, a grafía da pegada, poder representar a estrutura complexa da realidade, a nosa propia realidade.", explica do artista o gran curador X. Antón Castro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.04.2024.