Pasar al contenido principal

Comeza o programa piloto ‘éBici’ de préstamo de bicicletas eléctricas para a comunidade universitaria

O programa piloto diríxese á comunidade universitaria
O programa piloto diríxese á comunidade universitaria
éBici parte dunha iniciativa da Xerencia da USC co apoio da Concellaría de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais

A Universidade de Santiago puxo xa en marcha o programa piloto éBici de préstamo gratuíto de bicicletas eléctricas en Compostela. A iniciativa diríxese a toda a comunidade universitaria e contou coa colaboración do Concello de Santiago que, mediante sinalización específica, creou un percorrido que conecta os campus da cidade mediante unha vía de convivencia para bicicletas e outros vehículos. éBici é unha iniciativa da Xerencia da USC co apoio da Concellaría de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais.

Os detalles de éBici presentáronos en rolda de prensa o reitor Antonio López e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que estiveron acompañados do xerente da USC, Javier Ferreira, do delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, e do concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro.

O reitor fixo fincapé no carácter piloto deste programa. “Neste cuadrimestre testaremos o funcionamento do sistema, a intensidade de uso das bicicletas, a duración e distancia dos percorridos empregados, cales son os puntos de recollida máis demandados e mesmo a validez das bicicletas adquiridas para logo poder adaptar a oferta real do servizo ao que demande a comunidade universitaria”, afirmou.

“E á vista dos resultados que academos”, continuou o reitor, “estudaremos a posibilidade de ampliar as estacións e non quedar só na mobilidade entre campus, para o que temos o compromiso do Concello”. Así o confirmou no encontro cos medios a alcaldesa, que ve na iniciativa unha “aposta moi importante a medio e longo prazo para favorecer transportes alternativos”.

Catro puntos de acceso
De inicio haberá catro postos de acceso ás 20 bicicletas dispoñibles -eléctricas e non- nesta primeira fase, situados nas Facultades de Filoloxía, Medicina e Odontoloxía (aparcadoiro cuberto de Odontoloxía), na Biblioteca Concepción Arenal e no Aulario Novoa Santos (CHUS). O horario de uso esténdese das 8.00 ás 21.30 horas.

éBiCi USC conta cunha aplicación que facilita ás persoas usuarias a interacción co sistema. A través dela, as e os usuarios poden rexistrarse, consultar as bicicletas que hai en cada parada así como os cadeados libres, informar de incidencias e consultar información sobre o programa de préstamo. No desenvolvemento desta colaboración, USC e Concello contaron coa colaboración da asociación Composcleta para a elección de bicicletas, nunha aposta decidida pola sustentabilidade, por favorecer un maior respecto co medio ambiente e a promioción dunha vida saudable.

En primeiro termo, o reitor e a alcaldesa coas bicicletas que conforman a flota deste programa piloto. Foto: Santi Alvite
En primeiro termo, o reitor e a alcaldesa coas bicicletas que conforman a flota deste programa piloto. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Goretti Sanmartín, Antonio López, Xan Duro e Javier Ferreira. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Goretti Sanmartín, Antonio López, Xan Duro e Javier Ferreira. Foto: Santi Alvite
Vídeo explicativo do funcionamento de èBiCi
Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.04.2024.