O XXX Festival de Teatro Universitario presenta no ‘Gustavo Freire’ as creacións de cinco compañías até o 19 de abril
Cinco compañías universitarias presentarán no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo outras tantas producións artísticas do 15 ao 19 de abril no marco da trixésima edición do Festival de Teatro Universitario, un certame financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural pola USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo. As representacións teatrais programadas, a cargo das compañías USC-Lugo, USC-Santiago e ‘Vaites Vaites’, formada por alumnado do IV Ciclo da USC, grupo Maricastaña, da Universidade de Ourense, e o grupo de teatro da Universidade Pública de Navarra, comezarán ás 20.30 horas. Todas as funcións son de acceso libre e gratuíto para todas as persoas interesadas.
O grupo Maricastaña da Aula de Teatro do Campus de Ourense da UVigo, una formación dirixida por Fernando Dacosta, abre este luns, ás 20.30 horas, a quenda de intervencións do XXX Festival de Teatro Universitario de Lugo coa presentación da obra ‘Desequilibrios’. A compañía de teatro USC-Lugo, dirixida por Andrea González, estreará o 16 de abril no ‘Gustavo Freire’ a montaxe ‘Deixando a pel’.
‘Antropoloxía do bico (A síndrome do túnel carpiano)’ é o título da peza que presentará en Lugo a compañía de teatro USC-Santiago, baixo a dirección de Roberto Salgueiro. As funcións ‘Cara de leoparda’, a cargo da compañía do IV Ciclo da USC ‘Vaites Vaites’, dirixida tamén por Andrea González, anticipará a cita teatral do 18 de abril ás 20.00 horas, mentres que o XXX Festival de Teatro Universitario de Lugo chegará ao seu colofón ao día seguinte da man do grupo de teatro da Universidade Pública de Navarra, una formación dirixida por Óscar Orzaiz, que presentará en Lugo a montaxe ‘(Des) los escombros’.
Actividades complementarias
O programa desta xa tradicional cita da vida cultural da cidade amurallada inclúe como actividades complementarias un taller de creación escénica impartido por Ana Vallés os días 20 e 21 de abril e para o que xa está aberta a inscrición en liña a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es).