Pasar al contenido principal

A Cátedra do Camiño estrea a maior base de datos con información de peregrinos a Compostela do século XIX

As peregrinacións a Santiago recuperáronse no século XIX como fenómeno masivo. FOTO: Santi Alvite
As peregrinacións a Santiago recuperáronse no século XIX como fenómeno masivo. FOTO: Santi Alvite
Está dispoñible en aberto e cun novo formato wiki grazas ao cal calquera persoa é quen modificar ou agregar novos datos, o que permitirá enriquecela

A Cátedra do Camiño e das Peregrinacións da USC, que xurdiu da colaboración da USC con Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, acaba de estrear a Base de Datos de Peregrinos a Compostela (Badapeco), unha ferramenta dixital de consulta e traballo en liña que permitirá poñer en contacto a persoal investigador, docentes, universidades e centros de investigación interesados en estudar e achegar novos datos sobre peregrinas e peregrinos a Santiago de calquera época a partir de fontes bibliográficas e documentais.

Badapeco xorde no marco dos proxectos de investigación financiados pola Cátedra e ofrece información sociolóxica sobre máis de nove mil persoas que peregrinaron a Compostela no século XIX, extraída polo doutor Arturo Iglesias Ortega a partir dos rexistros máis antigos conservados no Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela: nome e apelidos, data da peregrinación, procedencia, sexo, estado civil, ocupación, parentesco con outras persoas que peregrinaran, notas sobre a peregrinación e biografía da persoa se é o caso…

A base de datos está dispoñible en aberto na web da Cátedra do Camiño e preséntase como unha plataforma colaborativa, cun formato wiki grazas ao cal calquera persoa pode modificar ou agregar novos datos, polo que marca un fito na investigación sobre o Camiño de Santiago ao converterse na máis importante base de datos de camiñantes a Santiago no ámbito internacional.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.04.2024.